Luisa Sánchez participa na presentación do Arena 1000, que levará o mellor balonmán praia á praia de Silgar

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este mércores na presentación do torneo Arena 1000, que converterá a praia de Silgar, en Sanxenxo, no epicentro do balonmán praia nacional ata o domingo 6 de xullo. O evento reunirá ás e aos mellores deportistas desta disciplina, tres anos despois da última vez que Sanxenxo acollera unha proba do circuíto.
Durante a súa intervención, Luisa Sánchez agradeceu á Federación Española de Balonmán “o labor organizativo e o compromiso coa provincia”, sinalando tamén o apoio da Deputación a eventos como o Torneo Deputación Clasificatorio Arena 1000 ou a derradeira proba da xira galega, prevista para finais de mes.
A vicepresidenta destacou que o balonmán praia é unha disciplina “en plena expansión, con máis federados cada ano”, e reafirmou o compromiso da institución co deporte en todos os ámbitos. “Levamos investido máis de 27 millóns de euros no deporte provincial nestes dous anos, cun esforzo acorde ao que somos: a provincia do deporte”, concluíu.