Luz verde ao parque eólico Paxareiras II en Cee e Dumbría, a primeira retramitación que inclúe beneficios

A Xunta de Galicia resolveu outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción ás instalacións do proxecto do parque eólico Paxareiras II e das súas infraestruturas de evacuación, proxectadas nos concellos coruñeses de Cee e Dumbría.
Paxareiras II convértese, deste xeito, no primeiro parque eólico que recibe luz verde ao abeiro do novo procedemento de retramitación previsto para adaptarse ao establecido na Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
Cómpre lembrar que esta norma permitiu incorporar á tramitación dos eólicos a valoración expresa do retorno que este tipo de iniciativas deben xerar no territorio desde o punto de vista ambiental, económico, laboral e social, de xeito que á hora de tramitalos se teñan en conta tamén os beneficios que obtén a cidadanía.
Neste sentido, o parque Paxareiras II xa fora autorizado no ano 2022 e a resolución que publica hoxe a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no Diario Oficial de Galicia se corresponde cunha retramitación integral destinada a adaptar o proxecto ao novo marco legal vixente en materia eólica.
Desde o punto de vista medioambiental, a entrada en funcionamento do futuro parque eólico —cunha potencia asociada de 26,4 MW e integrado por cinco aeroxeradores— permitirá evitar a emisión de máis de 45.000 toneladas de CO2 ao ano. O proxecto prevé tamén medidas de restauración na contorna do Camiño de Fisterra, en concreto, mediante plantacións de especies locais.
Deste xeito, Paxareiras II contribuirá a avanzar cara ao obxectivo de acadar a neutralidade climática en Galicia no horizonte do ano 2040 (unha década antes do que fixa a UE) xa que se estima que achegará o 0,7% da redución de gases de efecto invernadoiro necesarias.
Así mesmo, coa súa execución prevese mobilizar un investimento de 25 millóns de euros, incluíndo as instalacións eólicas e a liña de evacuación. En materia laboral, a realización das obras permitirá xerar 97 postos de traballo, aos que haberá que sumar os empregos asociados á operación e mantemento da instalación, un eido no que se primará a contratación local.
Así mesmo, entre os compromisos asociados ao proxecto destaca unha achega de 100.000 euros cada ano para apoiar iniciativas sociais e culturais no eido local e outros 52.800 euros a actividades de investigación, desenvolvemento e innovación en Galicia.