Lydia Pérez fai historia coa medalla de prata nos Xogos do Mediterráneo de Taranto

A loitadora do Club de Loita Pontevedra, Lydia Pérez, conquistou unha histórica medalla de prata nos Xogos do Mediterráneo, celebrados na cidade italiana de Taranto, nunha competición na que ademais regresaba á categoría de -57 quilos.
A deportista galega cumpriu os prognósticos e logrou acceder á final da súa categoría a pesar de competir condicionada por importantes problemas gástricos que comezaron tras dar o peso o pasado luns 24 pola mañá e que afectaron ao seu rendemento durante toda a competición.
No seu primeiro combate, Pérez impúxose á macedonia KONSEVICH V. por 4-1. Na segunda rolda, consciente de que non podía prolongar demasiado os seus combates debido ao seu estado físico, superou con claridade, por 10-0, á serbia PEROVIC M., asegurando así o pase á final.
A loitadora tivo ata o martes 25 pola tarde para tentar recuperarse antes da loita polo ouro, pero os problemas gástricos persistiron. Os médicos do Comité Olímpico Español desprazados coa delegación trataron de axudala, aínda que non conseguiron que o seu estado mellorase o suficiente.
Na final, Lydia Pérez mantivo un combate moi igualado fronte á turca Elvira Suleyman, varias veces medallista europea, pero acabou cedendo por 4-0. Deste xeito, a galega fíxose coa medalla de prata nun resultado que, a pesar da sensación agridoce pola proximidade do ouro, supón un fito histórico na súa carreira.
A competición en Taranto non será, con todo, o último compromiso internacional de Pérez esta semana. A loitadora partiu este mércores 26 de agosto desde Madrid cara a Bakú, en Acerbaixán, onde disputa o Ranking Series Mundial de Loita Praia na categoría de -60 quilos.