Lydia Pérez remata sétima no Mundial de Loitas Olímpicas celebrado en Astaná

A deportista do Club de Loita Pontevedra foi a española mellor clasificada no campionato, no que competiu na categoría de -59 quilos e logrou situarse entre as sete mellores do mundo
lidia-perez-loita-olimpica-astana
3 Nov 2026

A loitadora pontevedresa Lydia Pérez asinou unha destacada actuación no Campionato do Mundo de Loitas Olímpicas, celebrado entre o 26 de outubro e o 1 de novembro en Astaná (Casaquistán), onde conseguiu a sétima posición na categoría de -59 quilos. A deportista do Club de Loita Pontevedra converteuse así na española mellor clasificada nesta cita mundialista, por diante dos representantes masculinos das modalidades de loita grecorromana e libre olímpica.

Un dos aspectos destacados da súa participación foi o cambio de categoría respecto ao seu peso habitual, os -57 quilos, no que competiu a tamén española Victoria Báez. Segundo explica a Federación Galega de Loita, a categoría de -59 quilos favorece as condicións competitivas de Lydia Pérez, que non precisa realizar tanto esforzo para alcanzar o peso e pode afrontar os combates con máis enerxía, forza e resistencia.

A galega iniciou a competición cunha contundente vitoria nos dezaseisavos de final fronte á nixeriana Esther Olamide Asaolu, á que derrotou por 12-1. Nos oitavos de final enfrontouse á mongola Bolortuya Khurelkhuu, ante a que caeu por un axustado 0-3.

A súa rival perdeu na seguinte rolda, o que permitiu a Lydia acceder á repesca para loitar pola medalla de bronce. Porén, Khurelkhuu acabou conseguindo o terceiro posto ao vencer á representante local Shagayeva A.

Con este resultado, Lydia Pérez sitúase na sétima posición do ránking mundial nunha categoría que non forma parte do programa olímpico. A Federación Galega de Loita considera que este resultado podería permitirlle optar á bolsa ADO, unha axuda que lle proporcionaría maior estabilidade económica para continuar coa súa carreira deportiva de alto nivel.

A entidade federativa reclama agora que o Consello Superior de Deportes valore este resultado, tendo en conta que a deportista compite habitualmente coa selección española na categoría de -57 quilos.

0.48216700553894