Máis de 1.600 persoas participan este sábado nas oposicións para 357 prazas de emprego público

Un total de 1.623 aspirantes están chamados a participar nas oposicións que se celebrarán esta fin de semana no recinto da Feira Internacional de Silleda para acceder a 357 prazas de emprego público.
As probas comezarán mañá sábado, ás 9,00 horas da mañá, para cubrir 282 prazas do corpo administrativo C1 pola quenda de promoción interna, ás que están convocadas 801 persoas.
Pola tarde, a partir das 15:30 horas, están chamadas a participar 822 aspirantes convocados para 75 prazas na escala de auxiliares de clínica.
Un operativo formado por aproximadamente 50 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. O recinto feiral de Silleda disporá tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.
As persoas que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.