Máis de 200 persoas participarán na terceira Etapa Popular do Camiño da Costa entre Vigo e Redondela

A iniciativa organizada pola Xunta bate o seu primeiro récord de inscricións nun percorrido que seguirá un dos tramos do Camiño Portugués da Costa
Etapa-Popular-Camino-de-la-Costa-Vigo-Redondela-26
20 Jun 2026

A Xunta de Galicia celebrará este domingo, 21 de xuño, a terceira edición da Etapa Popular Camiño da Costa cun percorrido polo tramo da peregrinación xacobea que une Vigo e Redondela. A iniciativa xa conseguiu o seu primeiro récord antes da súa celebración ao pechar o prazo de inscrición con máis de 200 participantes rexistrados.

A delegada territorial Ana Ortiz, o director de Turismo de Galicia Xosé Merelles e o comisario do Xacobeo 2027 Marcos Gómez Román encabezarán a andaina, que partirá ás 09:00 horas desde o edificio administrativo da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo e rematará aproximadamente catro horas despois no albergue da Casa da Torre en Redondela.

O Camiño Portugués da Costa xa superou no que vai de ano os 43.000 peregrinos, o que supón un incremento do 23 % respecto a 2025. Ademais, a maioría dos camiñantes son estranxeiros cun elevado poder adquisitivo, especialmente norteamericanos e alemáns, por diante incluso de portugueses e españois. Desde que foi declarado itinerario oficial en maio de 2016, máis de 300.000 persoas realizaron xa este percorrido.

Ana Ortiz destacou os bos datos rexistrados por esta ruta e lembrou a importancia do impacto económico que xera na cidade. Neste sentido, sinalou que hai xornadas nas que se rexistran preto de 1.000 peregrinos aloxados en Vigo, o que repercute na actividade hoteleira, na restauración e no comercio local. Ademais, reclamou unha mellora da sinalización da ruta polas rúas viguesas para evitar que os peregrinos poidan desorientarse.

A Xunta de Galicia en Vigo organiza esta actividade coa colaboración da Dirección Xeral de Turismo. O punto de encontro para as persoas participantes será o 21 de xuño ás 08:30 horas diante da fachada da Delegación Territorial.

0.33625912666321