Máis de 267 quilos de polbo incautados antes da fin da veda

Guardacostas retirou tamén 561 cacharros e alcatruces antirregulamentarios en controis contra o furtivismo na ría de Arousa, Vigo, A Guarda e Corrubedo
Pulpo incautado
28 Jun 2026

O Servizo de Guardacostas de Galicia incautou nos últimos días máis de 267 quilos de polbo e 561 cacharros e alcatruces antirregulamentarios en diferentes operativos contra o furtivismo no litoral galego, a poucos días da reapertura da campaña do polbo, prevista para o mércores 1 de xullo.

As actuacións tiveron un carácter preventivo coincidindo coa recta final da veda, un período de dous meses destinado a protexer a reprodución e o crecemento da especie. Todo o polbo e o resto das capturas que se atopaban vivas foron devoltas de inmediato ao mar.

A intervención máis importante produciuse na costa da Guarda, onde os efectivos, a bordo da embarcación Mar de Galicia, retiraron 450 cacharros con 175 quilos de polbo.

Na ría de Arousa, os controis desenvolvidos pola unidade de Vilaxoán e polos Servizos Centrais remataron con nove actas, entre incautacións e presuntas infraccións. Nas zonas de Defragueiras e Negreiriñas retiráronse 51 cacharros con 48 quilos de polbo. Tamén houbo actuacións en Taragoña, As Negreiras, Mesa de Con, Pedregoso, Pedra da Loba e Pedras Negras.

Os operativos estendéronse ademais á ría de Vigo e a Corrubedo, onde foron retiradas redes de enmalle, miños, volantíns, nasas e outras artes ilegais ou sen identificar. En total, os axentes decomisaron 120 nasas e máis de 6.100 metros de rede.

A Consellería do Mar lembra a importancia de respectar os períodos de descanso biolóxico e os tamaños mínimos de captura para garantir a sustentabilidade dos recursos mariños e protexer o traballo regulado das persoas que viven legalmente do mar.

0.39114189147949