Máis de 275 judokas do Estado e de Portugal disputan este sábado o XVIII Trofeo Cidade de Santiago

Santiago acolle este 21 de febreiro tres competicións de judo nunha mesma xornada, coa participación de máis de 275 deportistas no trofeo puntuable para o Campionato de España e arredor de 600 na categoría base
Judo Santiago
19 Feb 2026

Santiago converterase este sábado 21 de febreiro na capital do judo estatal coa celebración do XVIII Trofeo Cidade de Santiago-Copa España Infantil A, que se disputará no pavillón multiusos Fontes do Sar a partir das 9.30 horas.

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou este mércores o evento, organizado pola Federación Galega de Judo, e destacou que participarán máis de 275 judokas procedentes de distintos puntos do Estado e tamén uns 50 deportistas de Portugal. Trátase dunha proba puntuable para a final do Campionato de España, consolidada como unha das citas máis relevantes do calendario estatal.

Na presentación participaron tamén David Fernández Neira, delegado en Santiago da Federación Galega de Judo, e Xaquín Baldomir, responsable do Judo Club Base. Fernández Neira agradeceu o apoio do Concello e salientou que este ano o trofeo bate récord de participación e “pon Santiago no mapa”.

Tres competicións nunha xornada

O sábado concentrará tres competicións de judo no Multiusos do Sar, todas con entrada libre. Pola mañá disputarase o XVIII Trofeo Cidade de Santiago, coa entrega de premios prevista arredor das 15.30 horas.

Xa pola tarde, a partir das 17.30 horas, celebraranse dúas citas dirixidas ás categorías base: o Xogajudo e o III Trofeo de Judo Promoción Concello de Santiago, organizado polos clubs.

No Xogajudo competirán rapazas e rapaces das categorías benxamín, alevín e infantil. Pola súa banda, o Trofeo de Judo Promoción está destinado ás categorías biberón e prebenxamín. Entre ambas competicións reunirán arredor de 600 judokas, converténdose nunha das grandes xornadas de promoción do judo base da tempada.

Pilar Lueiro celebrou que Santiago se consolide como capital do deporte con eventos deste nivel e animou ás persoas participantes a gozar da competición e tamén da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.3415310382843