Máis de 30.500 persoas visitaron este Nadal o Belén de San Fiz

Un total de 30.489 persoas visitaron este Nadal o Belén tradicional da Igrexa de San Fiz de Solovio, unha cifra récord desde a súa apertura no ano 2015. O nacemento estivo aberto ao público entre o 28 de novembro e o 5 de xaneiro, superando en arredor de 2.000 visitantes os rexistros do Nadal pasado.
O belén foi mellorando e actualizándose ano tras ano grazas ao traballo do seu propietario e montador, o belenista José Uzal, así como ás melloras financiadas por Turismo de Santiago. O conxunto conta con máis de 500 figuras de barro e lenzo pintado, distribuídas nunha superficie de 30 metros cadrados, con escenas en movemento, iluminación, son e efectos especiais.
Esta iniciativa permite á veciñanza e ás persoas visitantes descubrir a igrexa de San Fiz de Solovio, unha xoia do patrimonio compostelán, ao tempo que reforza os atractivos turísticos de Santiago durante o mes de decembro. A proposta complétase cunha intervención especial de iluminación, tanto no interior como no exterior do templo.
A apertura do monumento durante o Nadal é unha iniciativa de Turismo de Santiago, posible grazas á colaboración de José Uzal e ao apoio do Arcebispado de Santiago de Compostela e do Mercado de Abastos de Santiago, entre outras entidades.
Desde Turismo de Santiago tamén se contribuíu a dinamizar a cidade nestas datas con outras accións, como a iluminación especial da Alameda —nomeadamente no Paso dos Leóns— e da fachada de San Domingos, a colaboración co Mercado da Estrela ou a cesión do tren para a Cabalgata de Reis. Ademais, o organismo encargouse da comunicación e promoción conxunta dos 12 beléns composteláns que puideron visitarse este Nadal.