Máis de 30 chefs de prestixio internacional danse cita no Festival PortAmérica, que fusiona gastronomía, música e comunidade no marco dos Concertos do Xacobeo

Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia volven á Azucareira de Portas, en Pontevedra, coa celebración dunha nova edición do Festival PortAmérica os días 3, 4 e 5 de xullo. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou este luns esta nova edición do festival nunha rolda de prensa en Portas.
Música, gastronomía e comunidade son os piares sobre os que xira PortAmérica, que nesta décimo terceira edición propón unha experiencia única onde os sons e sabores de ambos lados do Atlántico volven atoparse para celebrar a riqueza dos lazos entre España e Iberoamérica.
Xosé Merelles destacou “a esencia multicultural e a aposta pluridisciplinar pola música, a gastronomía e a comunidade” como fórmula de éxito. Salientou tamén que “eventos como este mostran a boa saúde da oferta cultural galega, con calidade, fusión de tradición e modernidade e un impacto positivo como motor da economía, do turismo e do lecer sostible”.
O cartel musical destaca nomes como Melendi, Mikel Izal, Love of Lesbian, Ca7riel & Paco Amoroso, Viva Suecia, Recycled J, Duncan Dhu, Alcalá Norte, Carlos Ares, La La Love You, Merino, Marisa Valle Roso, No Te Va Gustar, Sidonie, Siloé, Travis Birds, Veintiuno, Javier Lekker, Marina Dirosso e Diego Lara, entre outros. Ademais, incorpóranse disciplinas como a danza coa participación do Grupo de Baile Senior da UNED Pontevedra e Combai Danza (Fundación Igualarte).
Na súa vertente gastronómica, o festival conta cun cartel liderado polo galego Pepe Solla e con chefs como Jordi Roca, Iván Cerdeño, Begoña Rodrigo, Maca de Castro, Vasco Coelho Santos, Albert Adrià, Alberto Lareo, Alén Tarrío, Álex Magurán, Dani Carnero, Gonzalo Pose ou Carito Lourenço. En total, máis de 30 chefs, 18 Estrelas Michelin, 2 Estrelas Verdes e 2 Bib Gourmand no espazo ShowRocking.
A Xunta de Galicia mantén o seu apoio a grandes eventos musicais como PortAmérica dentro dos Concertos do Xacobeo, cun programa que supera os 120 festivais e ciclos en máis de 70 concellos. Na provincia de Pontevedra destacan tamén o Atlantic Fest, Costa Feira, Llovizna Cultural ou Revenidas.