Máis de 400 estudantes de FP participan en Ourense nun escape room sobre a eclipse solar

Máis de 400 alumnos e alumnas de Formación Profesional de toda Galicia participan esta semana no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, nun escape room inmersivo centrado na eclipse solar prevista para o vindeiro mes de agosto.
A actividade, denominada Código Umbra: Operación Eclipse, está impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP co obxectivo de divulgar este fenómeno astronómico ao tempo que se reforzan competencias profesionais avanzadas entre o alumnado.
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou este mércores o centro ourensán e destacou a capacidade dos estudantes para afrontar retos tecnolóxicos, así como o papel das instalacións do Eduardo Barreiros como espazo de innovación e experimentación. Durante a visita puxo en valor “a calidade e a vangarda dos laboratorios, equipamentos e áreas de innovación” nos que se desenvolve a experiencia.
Ao longo da semana participan na iniciativa estudantes de 20 centros de FP das catro provincias galegas vinculados ás áreas industrial-tecnolóxica, audiovisual, servizos e formación industrial. A proposta baséase nunha metodoloxía de aprendizaxe activa na que o alumnado debe resolver diferentes misións técnicas e profesionais simuladas.
Entre os retos incluídos na actividade figuran probas relacionadas coa ciberseguridade, a biotecnoloxía, a realidade virtual ou o coñecemento do Sistema Solar. Os equipos participantes deseñan e fabrican as súas propias gafas para observar a eclipse mediante impresoras 3D e outros materiais, ademais de colaborar na montaxe de robots ou na identificación de planetas a través de realidade aumentada.
Desde a Consellería subliñan que o proxecto busca combinar ciencia, tecnoloxía e aprendizaxe práctica nun formato innovador. Segundo Eugenia Pérez, esta proposta contribúe a “visibilizar o potencial da Formación Profesional como vía innovadora e de futuro” e converte un acontecemento científico nunha experiencia educativa aplicada.
Ao remate de cada xornada, os participantes reciben unhas gafas homologadas para observar de forma segura a eclipse solar do 12 de agosto. Ademais, entréganse trofeos aos tres equipos mellor clasificados e un recoñecemento especial ao centro gañador.
A iniciativa tamén pretende reforzar habilidades como o traballo en equipo, a comunicación profesional, o pensamento crítico e a toma de decisións en contornas técnicas e innovadoras.