Máis de 45.000 persoas maniféstanse en 29 localidades galegas contra a política forestal do PP e en solidariedade coas afectadas polos lumes

A plataforma Por un monte galego con futuro convocou protestas multitudinarias en 29 cidades e vilas galegas, denunciando a política forestal da Xunta e reclamando medidas inmediatas tras a vaga de lumes.
Non mais Lumes
22 Aug 2025

Un total de 29 localidades de toda Galiza acolleron hoxe mobilizacións multitudinarias convocadas pola plataforma Por un monte galego con futuro, que reuniron a máis de 45.000 persoas para rexeitar a política forestal do PP e mostrar solidariedade coas persoas afectadas pola actual vaga de incendios, así como co persoal do dispositivo contra o lume.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, participou na concentración de Verín, onde reclamou medidas inmediatas para recuperar os bens e paliar as consecuencias do desastre medioambiental, ademais de urxir actuacións “para que o que estamos a padecer estes días non volva acontecer”.

A plataforma, integrada por máis de 50 colectivos e asociacións, naceu en 2018 para promover iniciativas lexislativas populares de protección do bosque autóctono e contra o último Plan Forestal da Xunta. No manifesto difundido hoxe, trasladou o seu apoio ás persoas afectadas e ao persoal de prevención e extinción, que denuncian traballar en condicións de precariedade e falta de medios.

Os convocantes sinalan que esta “traxedia ambiental, social, cultural e económica” ten como causa directa o abandono do rural e a expansión do monocultivo de especies de crecemento rápido, como o eucalipto. Por iso, consideran imprescindible reclamar unha moratoria indefinida ás novas plantacións e denunciar a inutilidade do PLADIGA, aprobado sen un debate real nin representación plural.

A CIG reclamou ademais unha partida económica urxente para apoiar ás afectadas, un plan de choque que evite a erosión dos solos e a contaminación das augas, e a creación dun único servizo público de prevención e extinción de incendios, dependente da Xunta, con profesionais formados para traballar todo o ano.

Carril advertiu de que o monte galego se converteu nun “polvorín” pola política forestal do PP, que “entregou o rural a intereses especulativos” e provocou a destrución das actividades produtivas que garantían poboación e vida no territorio. Ao mesmo tempo, urxiu a depuración de responsabilidades e insistiu en que as mobilizacións deben servir para forzar un cambio estrutural nas políticas forestais que evite novas vagas de lume.

⚙ Configurar cookies
0.26033115386963