Máis de 70 voluntarios retiran 216 quilos de residuos mariños e 42 de flora invasora en Sálvora

A xornada ambiental permitiu retirar cabos, redes, boias e plásticos dos areais e eliminar dúas especies vexetais exóticas
residuos-praia-salvora
26 Sep 2026

Máis de 70 persoas voluntarias convocadas por Afundación participaron este sábado nunha nova xornada ambiental na illa de Sálvora, no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Os traballos permitiron retirar 216 quilos de residuos mariños e outros 42 quilos de flora exótica invasora.

A cantidade de especies vexetais invasoras eliminada nesta edición é inferior á rexistrada nas actuacións anteriores. Fronte aos 500 quilos retirados en 2024 e aos 366 de 2025, nesta ocasión foron 42 quilos, unha evolución que Afundación vincula ao traballo continuado de voluntariado ambiental desenvolvido na illa.

Durante a xornada, as persoas participantes repartíronse en grupos para actuar sobre dous ámbitos. Por unha banda, realizaron labores de limpeza na praia de Almacén e en zonas rochosas e, pola outra, traballaron no control e eliminación de especies exóticas invasoras en diferentes puntos de Sálvora, seguindo as indicacións do persoal do Parque Nacional.

Entre os residuos mariños recollidos apareceron principalmente materiais relacionados coa pesca e cos cultivos mariños, como restos de cabos, cordas e redes, ademais de boias de diferentes tamaños, 237 delas pequenas, e tarugos plásticos empregados para evitar a caída dos mexillóns das cordas das bateas.

As tarefas de limpeza permitiron retirar tamén plásticos, envoltorios, envases, obxectos relacionados coa hixiene, tampas e tapóns procedentes de actividades de ocio. Nas praias da illa apareceron ademais catro palés, un traveseiro, un pneumático, máis dun cento de envases e botellas de plástico e outros residuos cuxa orixe non puido determinarse debido ao seu deterioro e fragmentación.

No traballo de control da flora invasora, o voluntariado retirou 15,7 quilos de Helichrysum foetidum, coñecida como árnica falsa ou flor de San Xoán, e 26,3 quilos de Amaryllis belladona. Trátase de especies con capacidade para colonizar novos espazos, desprazar a vexetación autóctona e modificar a composición dos hábitats.

A actuación forma parte do Plan de Conservación Territorial PLANCTON, que Afundación desenvolve desde hai seis anos. Nas intervencións anteriores realizadas en Sálvora participaron máis de 270 persoas voluntarias, que retiraron máis de 1.000 quilos de residuos mariños e máis de 1.500 quilos de flora exótica invasora.

O control das especies exóticas invasoras constitúe unha das liñas de actuación do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Os traballos realizados en Sálvora están tamén aliñados cos obxectivos do proxecto europeo Life Insular, orientado á conservación dos hábitats das illas atlánticas incluídas na Rede Natura 2000 e ao reforzo da súa capacidade de resposta ante diferentes presións ambientais e os efectos do cambio climático.

A eliminación destas plantas permite favorecer a recuperación da vexetación autóctona e reducir a presión das especies introducidas sobre os ecosistemas insulares. Pola súa banda, a retirada de residuos mariños contribúe a diminuír a presenza de materiais que poden resultar perigosos para a fauna e a mellorar as condicións ambientais dos areais e zonas costeiras.

PLANCTON ten entre os seus obxectivos a conservación dos ecosistemas mariños e costeiros e a promoción dun uso máis sostible do territorio e dos recursos naturais. O programa combina voluntariado, sensibilización, educación ambiental e conservación da biodiversidade, con actuacións centradas na redución de residuos no litoral, o control de especies invasoras e a protección de hábitats e especies de interese.

Afundación sinala que estas actividades, impulsadas xunto con ABANCA a través de PLANCTON, buscan fomentar hábitos máis responsables co medio e contribuír á protección do patrimonio natural, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible relacionados coa acción climática, a vida submarina, os ecosistemas terrestres e a colaboración entre institucións.

0.36172103881836