Máis de 80.000 persoas maniféstanse en Compostela contra o xenocidio e a ocupación de Palestina

Máis de 80.000 persoas participaron este domingo na manifestación convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina baixo o lema “Galiza con Palestina, 2 anos de xenocidio, 77 de ocupación”. A mobilización, que partiu da Alameda e rematou nunha Praza do Obradoiro ateigada, converteuse na máis numerosa da historia de Galiza en apoio á causa palestina.
Durante o percorrido, que colapsou o centro da cidade, puidéronse escoitar consignas a favor da paz e do fin da ocupación. Xa no Obradoiro, representantes da Coordinadora deron lectura a un manifesto no que se citou a máis de 200 colectivos sociais, culturais, políticos e sindicais que apoiaron a convocatoria, entre eles a CIG.
No texto, as entidades denunciaron “o xenocidio e a ocupación que sufre o pobo palestino desde hai máis de sete décadas” e reclamaron “un cesar fogo inmediato, a entrada da axuda humanitaria e o cumprimento do dereito internacional”. Engadiron ademais que “Galiza leva dous anos mobilizada en cada comarca do país, dicindo convocatoria tras convocatoria que Palestina ten dereito á paz, á vida e a resistir”.
Entre as principais reivindicacións recollidas no manifesto figuraron a investigación dos crimes contra a humanidade cometidos en Gaza, a revogación das relacións preferentes da Unión Europea con Israel e a ruptura de relacións diplomáticas, comerciais e militares do Estado español co goberno israelí.
A Coordinadora tamén instou á Xunta de Galicia a “tomar postura clara na defensa da legalidade internacional e cancelar todas as relacións bilaterais que mantén con Israel”, ademais de solicitar a aplicación efectiva do dereito de autodeterminación do pobo palestino e o retorno das persoas refuxiadas.
A lectura final do manifesto rematou cunha mensaxe clara: “En Galiza non imos faltar ao noso compromiso: nunca deixar de falar da Palestina e nunca deixar de reivindicar o seu dereito a unha vida en paz e a un futuro libre e soberano”.