Máis de dúas mil persoas reclaman en Burela a recuperación da Área Sanitaria da Mariña

Burela converteuse onte, 12 de xuño, no epicentro da loita pola sanidade pública na Mariña. Máis de dúas mil persoas concentráronse diante do Hospital da Mariña e nos seus arredores nunha multitudinaria mobilización convocada por distintos colectivos sociais baixo o lema “Pola saúde d@s pacientes da Mariña”. A acción, prevista para as 20:00 horas, arrincou co berro colectivo de demandas como “Que nos devolvan a Área Sanitaria”, “Máis persoal na Primaria e no hospital” ou “Conselleiro, actúa, que isto é culpa túa”.
O acto contou coa lectura dun manifesto conxunto no que os convocantes detallaron as principais carencias do hospital e dos centros de saúde da comarca. No documento denunciouse a falta de persoal en todas as categorías, as listas de agarda que cualificaron de “insoportables e falseadas”, o peche previsto da planta de Medicina Interna no verán e a derivación sistemática de pacientes ao HULA ou á sanidade privada. Ademais, esixiron máis recursos en saúde mental, pediatría, fisioterapia e atención domiciliaria, así como a creación dun hospital de día infantoxuvenil e dunha unidade de prevención do suicidio. A demanda central foi a recuperación da Área Sanitaria propia da Mariña, suprimida en 2018.

Na súa intervención, Montse Porteiro, coordinadora da Plataforma Sanitaria da Mariña, recalcou que a mobilización non é nova nin conxuntural: “Levamos máis dunha década loitando, e seguimos aquí, porque este hospital e os centros de saúde son nosos”. Segundo dixo, a Xunta “pretende deteriorar a sanidade pública para xustificar a súa privatización”, mais a veciñanza “non se rende nin se resigna”.
Entre as persoas asistentes atopábanse representantes municipais, cargos institucionais e membros do colectivo de artistas da Mariña. Os convocantes advertiron que a comarca seguirá mobilizándose ata conseguir unha atención sanitaria digna e un sistema público que dea resposta real ás necesidades da poboación.