Manifestación nacional o 28 de febreiro en demanda de medidas para atender a diversidade nas aulas

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca unha mobilización o sábado 28 de febreiro en Compostela ante o incremento do alumnado con NEE e NEAE e a falta de recursos suficientes nos centros
diversidad
19 Feb 2026

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ten convocada unha manifestación nacional para o vindeiro sábado 28 de febreiro, ás 12.00 horas, con saída desde a Alameda de Santiago de Compostela, para reclamar medidas urxentes que permitan atender a crecente diversidade existente nas aulas galegas.

Segundo os datos do curso 2023/24, o 17,5% do alumnado matriculado en centros públicos desde infantil de tres anos até ciclos superiores presenta necesidades educativas especiais (NEE) ou necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), o que supón 65.259 estudantes en termos absolutos.

Na presentación da mobilización, Isabel Calvete, presidenta de ANPAS Galegas, advertiu de que a situación afecta a toda a comunidade educativa: “desde o alumnado máis vulnerábel até o profesorado e as familias”, subliñando que moitos centros carecen dos recursos humanos necesarios para ofrecer unha atención axeitada.

Pola súa banda, Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, alertou do “incremento espectacular” do alumnado con necesidades específicas nos últimos anos, especialmente nas etapas de infantil, primaria, ESO e Formación Profesional. No caso do alumnado NEE, pasouse de 16.012 estudantes no curso 2019/20 a 17.850 no 2023/24, mentres que o alumnado NEAE aumentou de 31.581 a 47.409 no mesmo período.

Desde a plataforma denuncian que este incremento non foi acompañado dun reforzo proporcional de persoal especialista en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, Orientación ou persoal auxiliar coidador, nin tampouco de máis docentes para apoios e desdobres.

Ademais da atención á diversidade, tamén se sinalan problemas estruturais en numerosos centros, con deficiencias nas instalacións e obras que condicionan o funcionamento normal das aulas.

A mobilización do 28 de febreiro pretende unificar as distintas protestas que se están a desenvolver en varios puntos do país nas últimas semanas. A Plataforma fai un chamamento á participación de toda a comunidade educativa e da sociedade en xeral, defendendo que o ensino público “é unha causa colectiva”.

⚙ Configurar cookies
0.24619197845459