Mar Lorenzo foi reelixida decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC

A catedrática Mar Lorenzo Moledo foi reelixida este venres 30 como decana da Facultade de Ciencias da Educación por 59 votos a favor, 23 en branco e 2 nulos. Nos vindeiros seis anos, Mar Lorenzo quere crear redes de traballo compartido para que na imaxe colectiva da USC a Facultade de Ciencias da Educación se presente como unha unidade, como unha comunidade, situada en dous edificios, o do norte e o do sur, que deben ser asumidos como propios, “como a nosa identidade”. Neste senso, a renovación dos plans de estudo dos títulos de grao e mestrado representa un dos principais desafíos estratéxicos que deberá asumir a facultade nos próximos anos. “Este proceso, que deberá desenvolverse desde o diálogo, a participación, a corresponsabilidade e o consenso, marcará boa parte da vida académica do centro e ofrecerá unha oportunidade única para repensar a nosa oferta formativa á luz dos novos retos educativos, sociais e profesionais”, destaca Mar Lorenzo.
O programa de Mar Lorenzo contempla accións para o conxunto da comunidade do centro, así como para a súa vida diaria, como por exemplo, a lingua galega e a acción cultural na Facultade; todo isto sen perder de vista a calidade como eixo transversal xa que é “un medio para atender mellor as persoas, promover o progreso continuo do centro e facilitar a docencia e aprendizaxe nos títulos acreditados que se imparten nel”.
Licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 1995 coa tese titulada A delincuencia feminina e intervención pedagóxica. Un estudo sobre a cuestión en Galicia, desde 2022, Mar Lorenzo é catedrática de Universidade no departamento de Pedagoxía e Didáctica. As súas liñas de investigación son: educación e pedagoxía intercultural, pedagoxía laboral, pedagoxía penitenciaria, educación familiar, e aprendizaxe-servizo e competencias na educación superior. Publicou 18 libros e participou en máis de 50 capítulos de libro. É autora de máis de 60 artigos en revistas de impacto no ámbito nacional e internacional.
Pertence ao Grupo de Investigación ESCULCA da USC (Grupo de Referencia Competitiva do Sistema Galego de I+D+i), que obtivo o 1º Premio Nacional de Investigación Educativa 2007 co proxecto ‘Familias inmigrantes en Galicia: a dimensión socioeducativa da integración’ (SEJ2004-05967), do que foi Investigadora Principal. Ademais, o Grupo obtivo o terceiro Premio Nacional de Investigación en 2003 cun proxecto, no que participou como investigadora, sobre Aprendizaxe Cooperativa en centros educativos. Tamén recibiu o Premio María Barbeito de Educación en Galicia á Investigación Pedagóxica na súa terceira edición polo traballo O rendemento escolar do alumnado procedente da inmigración en Galicia. Un programa de optimización para familias e centros de ensino. Forma parte da Rede RIES, integrada por 6 grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia, e da Rede de Excelencia Universidade, Innovación e Aprendizaxe na Sociedade do Coñecemento (UNIASC-MINECO), na que participaron 9 universidades españolas (actualmente en proceso de renovación con 12 universidades).
Mar Lorenzo dirixiu 13 teses doutorais (8 nos últimos 10 anos), contribuíndo ao inicio e desenvolvemento da carreira investigadora de novo profesorado universitario e de profesionais doutros niveis educativos. Foi investigadora en máis de 20 proxectos financiados en convocatorias competitivas (autonómicas, nacionais e europeas) e en contratos coa administración. É avaliadora de distintas axencias autonómicas, nacionais e internacionais. Participou en numerosos congresos internacionais, destacando os da EERA.
Foi Xefa da División de Investigación Educativa no Instituto de Ciencias da Educación (ICE), vicerreitora de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria (4 anos), vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos (4 anos) e coordinadora do Programa de Doutoramento en Educación na mesma universidade. Foi Subdirectora da Revista Galega do Ensino, directora da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos, e asesora da UNED no Centro Penitenciario de Teixeiro (A Coruña).
Tamén é membro do Comité Científico do Programa Proa+ (Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes) e de EdugalIA think tank, un proxecto da Xunta de Galicia para incorporar a intelixencia artificial á administración educativa. Ten recoñecidos cinco sexenios de investigación (1995-2000, 2000-2006, 2006-2012, 2013-2018 e 2019-2024) e un sexenio de transferencia pola Comisión Nacional de Avaliación da Actividade Investigadora (CNEAI).
Integran o novo equipo de goberno, Jesús García Álvarez, secretario; xunto cos vicedecanos Isabel Dans Álvarez de Sotomayor, José Eugenio Rodríguez Fernández, María López Sández. Vicedecana e Zósimo López Pena.