Marco Veiga impúxose no XIII DHU Vila de Sarria ante milleiros de afeccionados

A competición organizada polo DHG Team reuniu durante a fin de semana a destacados especialistas do descenso urbano e volveu converter a vila nun referente desta modalidade
gañadores-DHU-Vila-de-Sarria-26
14 Jul 2026

Sarria volveu vibrar esta fin de semana coa celebración do XIII DHU Vila de Sarria, unha cita organizada polo DHG Team que congregou a milleiros de persoas nas rúas da localidade para seguir unha das probas de descenso urbano máis destacadas do calendario.

O gran triunfador da competición foi Marco Veiga Amado, do Ciclosquintena C., que se proclamou vencedor da clasificación scratch e da categoría Elite cun tempo de 1:17,269, o mellor rexistro da fin de semana. O podio absoluto completárono Leo Álvarez Alonso, do Pulpeiros GFR Performance, cun tempo de 1:18,426, e Aaron Caballero Bello, do DH Galicia C., que marcou 1:19,535.

Na categoría Sub23, a vitoria foi para Sergio Veiga Amado (Pontebike Team), seguido por David López García (THC Bike) e Ismael Couto Tabernero (DH Galicia). Entre os Júnior, o primeiro posto foi para Leo Álvarez Alonso, por diante de Hugo López Canales e Daniel Vázquez Díaz.

Na categoría Cadete, Iago Pérez Rodríguez subiuse ao máis alto do podio, seguido por Lois Ambrosio Collazo e David Vázquez Pastoriza.

En Máster 30, o vencedor foi Santos Lemos Ramírez, mentres que Víctor Sáenz Durán logrou a vitoria en Máster 40. Pola súa banda, Alberto Vázquez Tourón foi o primeiro clasificado en Máster 50.

No apartado feminino, Alba Arias García conseguiu o triunfo na categoría Elite, con Eva Castro Fernández na segunda posición. En Sub23 feminina, a vencedora foi Cristina Menéndez González.

A organización felicitou a todos os participantes polo espectáculo ofrecido durante a fin de semana e agradeceu a presenza dos numerosos afeccionados que volveron converter o DHU Vila de Sarria nunha auténtica festa do descenso urbano.

0.4556360244751