Marcos Ruiz e Tereza Ctvrtnickova imponse no I Tríatlon Lago das Pontes

Na distancia olímpica masculina o triunfo correspondeu a Emilio Tizón Valverde e a primeira posición feminina foi para Ainoa Gontán Iglesias
ainhoa-gontan-iglesias-triatlon-as-pontes
29 Jun 2026

O Lago das Pontes converteuse este domingo no escenario dunha intensa xornada deportiva coa celebración do I Tríatlon Lago das Pontes, unha competición que reuniu preto de 400 deportistas nas modalidades de media distancia e distancia olímpica, tanto en categorías masculina e feminina como por relevos.

Na proba de media distancia masculina, a vitoria foi para Marcos Ruiz Brague, que completou o percorrido cun tempo de 4 horas, 57 minutos e 57 segundos. O triatleta conseguiu unha vantaxe superior aos catro minutos sobre Pablo López, segundo clasificado, mentres que Ramón Troncoso ocupou a terceira posición.

Na categoría feminina da mesma distancia, a máis rápida foi Tereza Ctvrtnickova, que cruzou a meta tras 6 horas e 50 segundos de competición. O podio completárono Miriam Maceira e Paula Taboada.

Pola súa banda, na distancia olímpica masculina o triunfo correspondeu a Emilio Tizón Valverde, cun rexistro de 1 hora, 52 minutos e 12 segundos. A primeira posición feminina foi para Ainoa Gontán Iglesias, que finalizou a proba en 2 horas, 4 minutos e 27 segundos. Jacobo Crego e Alberto Tomé acompañaron aos vencedores no podio masculino, mentres que Miriam Trigo e Iria Fernández fixeron o propio na clasificación feminina.

A competición tamén contou cunha destacada participación na modalidade de relevos. En media distancia, o equipo A Cuarta do Abente, integrado por David, Alejandro e David, acadou a vitoria. O segundo posto foi para Tríatlon Vilalba, formado por Noelia, Marcos e Roberto, mentres que o Tríatlon Ferrol, con Pablo, José Antonio e Mario, completou o podio.

Na distancia olímpica por relevos, o triunfo foi para o equipo Chill, composto por Álvaro, Andrés e Héitor. A segunda posición correspondeu a Los Ocupados, integrado por Fernando, Pablo e Manuel, e o terceiro lugar foi para Tríatlon Vilalba, con Eva, Gonzalo e José Luis.

A proba, organizada polo club TriArteixo-AcadeAma coa colaboración da Federación Galega de Tríatlon e Pentatlón Moderno, o Concello das Pontes, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, nace coa intención de consolidarse no calendario deportivo galego e converter o lago pontés nun referente para a práctica do tríatlon.

Ao remate da xornada, a organización agradeceu a implicación das institucións colaboradoras e o labor desenvolvido polos corpos de seguridade e os equipos de Protección Civil, destacando a participación de preto dun cento de persoas na cobertura dun evento que se desenvolveu nun entorno natural singular e que deixou unha valoración moi positiva entre os deportistas participantes.

0.29235410690308