María Jesús López, alcaldesa de Samos: “Cumprimos en tres anos case todo o programa que levamos en 2023”

A primeira alcaldesa de Samos quere seguir mellorando a vida da veciñanza do seu municipio e aspira a conseguir proxectos ambiciosos
Chus-López-alcaldesa-Samos
12 Jul 2026

Explíquenos como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

O meu avó era do Bloque e creo que mesmo chegou a ser concelleiro; sempre ía nas listas en Samos. Ademais, na primeira vez que me presentei, eu encabezaba a lista e el pechábaa. Xa de pequena ía con el ás manifestacións en defensa da gandería e da agricultura en autobús a Santiago. Pero, co tempo, medras, vas estudar fóra e eu acabei totalmente desvinculada, sen estar afiliada nin nada. Porén, en 2019, uns meses antes das eleccións, propuxéronme ir nas listas porque o BNG non estaba nun bo momento e mesmo se chegara a pensar en non presentar candidatura. A min dábame pena que se perdese todo o traballo de tantos anos, en especial o do meu avó, e ademais non estaba nada satisfeita coa xestión do anterior rexedor. Finalmente, puxéronme como cabeza de lista.

Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcaldesa?

Presenteime en 2019 e entrei na oposición como concelleira e, catro anos despois, volvemos presentarnos e conseguimos gobernar.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

En canto aos sacrificios persoais, tes que poñer en pausa a túa carreira profesional; eu traballaba na banca. Así que require unha implicación de moitas horas e moito traballo, ademais de estar exposto, porque antes eras un veciño máis e agora es representante dun concello, polo que todo o que fas e dis se mira con moita máis lupa. No noso caso, herdamos un concello no que había moito por facer e foi necesario traballar, facer cousas novas e tamén arranxar outras que xa estaban pendentes de antes. É unha responsabilidade moi grande, xa que son moitas as decisións que tomas e que inflúen en moita xente.

E beneficios?

É un traballo moi gratificante, porque podes mellorar moito a vida da veciñanza e facer moitas cousas que lles afectan directamente. No caso de Samos, concretamente, puidemos establecer medidas de conciliación, temos o servizo de madrugadores e tamén servizo de garda para os nenos pola tarde, entre outras iniciativas.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Pasas de ser unha veciña a ser unha persoa recoñecida, á que a veciñanza tamén traslada as súas queixas. O equilibrio entre a vida pública e a vida privada é unha liña moi estreita, porque ao final o trato nun concello como Samos é moi próximo. No meu caso, nalgúns momentos xa non se trata só de veciños, senón tamén de amigos, xente á que lle tes moito aprecio ou simpatía. Ao final é como ter un grupo moi grande de amigos e de persoas que te valoran, e iso fai que, en xeral, se leve ben.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

O meu obxectivo mentres estea na política é intentar facelo o mellor posible. A miña idea é repetir na Alcaldía e, como iso xa me ocupa bastante, non me marco máis metas. Para min, isto nunca foi un obxectivo dedicarme á política ou chegar a ser alcaldesa de Samos. É unha etapa moi bonita, aínda que tamén moi dura, pero moi gratificante. Así que, mentres estea en política, quero facer o meu traballo ben e dedicar todos os meus esforzos e o meu tempo a que as cousas saian ben, sen marcarme máis obxectivos alén de cumprir coas responsabilidades que xa veñen dadas.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?

Seguir axudando á veciñanza, aproveitar cada oportunidade que se presente e continuar acadando os máximos recursos posibles. Seguir facendo melloras, porque aínda que se fixeron moitas, quedan outras tantas por realizar. Non só en infraestruturas, que eran moi necesarias, senón tamén en melloras integrais. E, dentro do que se nos permita, mesmo intentar levar a cabo proxectos máis ambiciosos para poder dispoñer de máis servizos no concello, aínda que a maior parte deles non sexan da nosa competencia. Pero imos seguir mellorando servizos e apostando por proxectos ambiciosos. Imos ir a por eles, sen poñernos límites, tentando conseguir todo o que sexa beneficioso para Samos, para a veciñanza e para a dinamización do concello.

Cales son as principais liñas do seu programa?

Aínda non temos elaborado o programa, pero acabamos de cumprir tres anos de mandato e xa executamos practicamente a totalidade do programa co que nos presentamos en 2023. Durante este tempo puxemos en marcha medidas de mellora de servizos, como o servizo de madrugadores, accións de conciliación e apoio ao colexio, así como a mellora dos espazos municipais. Tamén conseguimos recuperar todas as festas e impulsáronse numerosas actividades grazas, en gran parte, á colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, logrando tamén a recuperación da feira, algo que considero un logro moi importante despois de máis de 60 anos. No ámbito social incrementáronse os servizos, aumentándose as horas de atención e mellorouse tamén o servizo de internet. Tamén apoiamos o deporte, non só a nivel de deportistas, senón tamén mellorando o pavillón. Trouxemos o Rally San Froilán a Samos, melloramos a ruta de Fiz Vergara e abrimos novas rutas, ao tempo que puxemos en valor espazos de interese turístico como o Castro de Formigueiros ou o conxunto de mámoas de Santa Mariña. Tamén renovamos a sinalización e imos instalar paneis informativos na muralla e no reloxo, e queremos levar a cabo melloras en Penabranca, así como crear un miradoiro na entrada de Samos polo Camiño Francés, onde se pode apreciar o mosteiro desde unha perspectiva fermosa. Melloramos vías que eran demandas históricas, priorizamos a contratación de empresas e negocios locais, apostando polo produto da zona. Tamén reforzamos a promoción turística e os servizos administrativos para axilizar trámites e favorecer a apertura de novos negocios e a rehabilitación de vivendas. Conseguimos recuperar o obradoiro dual de emprego en Samos, que supón sete postos de traballo, que actuaron na mellora de espazos públicos. Este ano están previstas actuacións no colexio, recuperación de fontes e mellora de beirarrúas. Realizouse, en definitiva, moito traballo. Agora, a nosa idea é elaborar un novo programa e poñelo en marcha, seguindo a escoitar á veciñanza e avanzando cara a proxectos máis ambiciosos. Pero prefiro ser cauta: prefiro comprometerme antes que prometer.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

A cobertura, mesmo na propia capitalidade, é deficiente e precisamos que se nos instale fibra óptica. En canto aos servizos, hai unha lista moi ampla de necesidades, pero sen financiamento da Xunta non podemos ampliala. A situación das listas de espera é unha cuestión que nos preocupa, porque nos gustaría que fosen cero, pero non hai prazas en residencias e existe moita xente que precisa ese recurso. No caso da axuda no fogar, non contamos coa financiación suficiente para ampliar o servizo. Considero que se debería mellorar a achega económica ás persoas dependentes, xa que as contías actuais, arredor dos 400 e poucos euros ao mes, non son suficientes para persoas cun grao elevado de dependencia. Tamén sería necesario reforzar o apoio á conciliación, porque o concello ten que adiantar a dotación e a Xunta debería incrementar a súa achega tanto en persoal como en medios. No tramo de 0 a 3 anos, só contamos cunha casa niño que está limitada a cinco nenos, o que condiciona tamén o inicio da escolarización no propio municipio. Só poden acceder cinco nenos, e o resto comezan noutros centros doutros concellos, polo que despois é difícil que regresen para estudar no colexio de Samos.

De que proxectos se sente máis orgullosa?

Especialmente polos servizos de conciliación, que para min son algo básico e necesidades históricas e vitais para as persoas que viven aquí. Tamén poder acceder á túa casa e ao teu pobo en condicións dignas, iso é fundamental. O importante é conseguir facer esas cousas, recuperar a vida e a actividade en Samos, ver como se dinamiza, como florecen os negocios, como se recupera poboación e chega xente nova. Estes días, por exemplo, vese como se están a mercar pisos por parte de familias, como outras adquiren vivendas, como se inaugura algún establecemento hoteleiro, como se reforma un antigo obradoiro ou se restauran edificios. Tamén se rehabilitan casas e se amplían negocios gandeiros. Ao final, todo iso facilita que o concello teña vida.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcaldesa?

Como unha persoa próxima, traballadora e implicada na mellora da vida da veciñanza e do concello. Poñendo empeño no traballo que realizamos e procurando ser unha boa representante. Ao final trátase de colaborar, de exercer tamén un papel de mediación, para contribuír a mellorar a vida das persoas e o funcionamento do concello.

Como é a súa relación coa oposición?

Pois a oposición non é unha oposición moi construtiva. Incluso considero que é prexudicial.

 

MÁIS DE PRETO

-Idade, estado civil e familiar

41, solteira e sen fillos

-Profesión e formación

Licenciada en ADE e traballaba en banca

-E se non o fose, que lle gustaría ser?

Empresaria

-Que quería ser de maior

Como vía o traballo duro da familia, de pequena quería traballar nunha oficinaa

-Que fai para desconectar?

Pasar tempo coa miña xente, coa familia e cos amigos

-Unha virtude e un defecto

Son unha persoa razoable e xusta, e perfeccionista

-Un consello para compartir

Hai que desfrutar o momento, respectar e ser boa persoa

-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante

‘O tombo de Samos’; ‘Antes de nós’; e Tanxugueiras

-Unha afección

O meu tempo dedícollo á boa xente

-Un lugar que visitar

Samos

-Unha comida e unha bebida

Se hai boa compañía, un caldo e auga fresquiña

-Unha personaxe admirada (viva ou morta)

Rosalía, por ser unha adiantada aos seus tempos; e o meu avó, que foi moi boa persoa

-Unha posesión preciada

Non son moi materialista, pero as cousas que che deron as persoas que xa non están

-Un desexo

Que me vaia ben a min e aos do meu entorno

-Algo para esquecer

Gústame aprender do que sucede

-Que é o que máis valora nunha persoa?

Os valores como persoa: a lealdade, honestidade, bondade...

-Un desafío pendente.

Tenme moi ocupada isto de ser alcaldesa, pero o Camiño de Santiago

-Onde se ve en cinco anos?

En Samos, dunha maneira ou doutra

0.29597401618958