María Rivas agarda que a Mostra do Encaixe sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional

A subdelegada do Goberno na Coruña salientou o labor das palilleiras de Camariñas e animou á mocidade a continuar coa tradición e explorar novas oportunidades no mundo do encaixe.
Motra de encaixe
22 Apr 2025

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, expresou a súa confianza en que “máis pronto que tarde” a Mostra do Encaixe de Camariñas sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional. Fíxoo na inauguración da súa 34ª edición, onde destacou o recoñecemento do Goberno ao traballo das palilleiras e da organización, que “mergullan a Camariñas e a Costa da Morte nun mar de piques”, como reza o lema deste ano.

Rivas estivo acompañada polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua. Reivindicou o papel das mulleres palilleiras, “que puntada a puntada conseguiron levar o nome de Camariñas a todo o mundo, con encaixes recoñecidos en pasarelas de prestixio como a de Nova York”.

A subdelegada repasou a historia dunha tradición con máis de seis séculos, que evolucionou da intimidade do fogar a ser obxecto de desexo para as grandes firmas da moda. Tamén puxo en valor a artesanía galega en disciplinas como a olaría ou a ourivaría, presentes nesta feira que prevé recibir máis de 20.000 visitantes ata o 20 de abril.

Rivas fixo un chamamento á mocidade para garantir a continuidade deste saber tradicional, explorando novas vías de negocio no ámbito téxtil e decorativo. Recoñeceu o esforzo das escolas municipais, do museo e de asociacións como Rendas por formar novas xeracións.

Finalmente, animou á alcaldesa a “palillar Concello e Goberno, como fan as mulleres de Camariñas” para conseguir o recoñecemento que a Mostra merece.

⚙ Configurar cookies
0.11049199104309