María Rivas destaca a entrega dos bombeiros de Romanía tras unha semana loitando contra os incendios en Galicia

A subdelegada do Goberno, María Rivas, despediu este xoves no Aeródromo Militar de Santiago ao contingente de bombeiros de Romanía, composto por 51 efectivos, que durante a última semana prestaron servizo en Galicia para apoiar nas tarefas de extinción dos incendios forestais que arrasaron a comunidade este verán.
No acto estiveron tamén presentes o xefe do Aeródromo Militar, Juan Pedro Velázquez-Gaztelu, e a ministra conselleira da Embaixada de Romanía en España, Alina Popescu.
Rivas trasladou en nome do Goberno de España “o máis profundo agradecemento polo traballo realizado”, subliñando que “con profesionalidade, disciplina e humanidade, protexeron á poboación galega en condicións extremas, arriscando as súas vidas e demostrando un gran espírito de sacrificio”.
A representante do Executivo central destacou que a presenza deste equipo de 51 efectivos foi posible “grazas ao traballo conxunto das institucións e ao esforzo do Goberno de España, que non só mobilizou inmediatamente os recursos nacionais —UME, brigadas de reforzo, medios aéreos e terrestres—, senón que tamén activou, a través de Protección Civil do Ministerio do Interior, os mecanismos europeos a petición da Comunidade Autónoma”.
“Esta coordinación permitiu despregar un dispositivo sen precedentes, que uniu a capacidade nacional coa forza da cooperación internacional”, sinalou Rivas.
Finalmente, puxo en valor o carácter solidario e diplomático desta misión, lembrando que “os bombeiros de Romanía representan o mellor da cooperación entre os nosos pobos e do espírito europeo”. A súa presenza en Galicia, engadiu, “non foi só unha axuda técnica, foi tamén unha misión diplomática de fraternidade entre Romanía e España”.