María Rivas destaca Galmesán como exemplo de economía rural ligada á tradición

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, puxo Galmesán como exemplo das oportunidades que ofrece o rural galego para xerar actividade económica sen renunciar á tradición. Fíxoo este mércores durante unha visita ás instalacións da empresa, na que estivo acompañada do seu xerente, Carmela Cano, do alcalde de Arzúa, Xesús Carril, e da concelleira de Turismo e Promoción Económica, Begoña Balado.
Durante a visita, Rivas felicitou á empresa pola recente concesión do premio ao mellor queixo de vaca curado de España no Salón Gourmets 2025, un recoñecemento que se suma a outros acadados a nivel nacional e internacional pola calidade do seu produto.
A subdelegada destacou “a impresionante traxectoria desta empresa familiar, que aínda non conta cos dez anos de vida e que, porén, xa é coñecida en máis de medio mundo”. Salientou tamén a aposta de Galmesán pola calidade das materias primas, polo respecto ao produto e tamén ao medio natural.
“Falar de tradición non é renunciar á innovación”, afirmou Rivas, que puxo en valor a colaboración da empresa coa prestixiosa chef Lucía Freitas para investigar novos produtos que contribúan a reducir a pegada ecolóxica. “Galmesán apostou por facer algo diferente e atractivo desde Arzúa, capital do queixo de Galicia”, engadiu.
“Nós, como Goberno, compartimos a filosofía de que se pode impulsar o desenvolvemento económico de Galicia desde o rural, distinguíndonos con alimentos de calidade”, concluíu.