María Rivas destaca os avances en seguridade para promover a igualdade grazas ao impulso feminista do Goberno

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, afirmou hoxe que as políticas feministas do Executivo central impulsaron avances notables no sector da seguridade para promover a igualdade de xénero. Rivas participou na xornada sobre igualdade e seguridade organizada por AESGA (Asociación de Empresas e Expertos en Seguridade de Galicia).
Rivas resaltou que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado avanzaron na incorporación de mulleres: “Na provincia da Coruña contamos con dúas xefas de Comisaría en Ferrol e Santiago, un exemplo de referencia”, subliñou. Tamén destacou que, desde 2021, a presenza feminina na Garda Civil elevouse en dous puntos a nivel nacional. “Son pasos firmes porque existe un Goberno que cre na igualdade como camiño”, afirmou.
A subdelegada agradeceu o esforzo de AESGA e do Observatorio Muller e Seguridade por promover o cambio mediante datos, propostas e unha “mirada feminista”. Insistiu en que as mulleres seguen infrarrepresentadas en todos os niveis –desde postos de base até dirección– e animou aos profesionais a “non baixar os brazos” para acadar unha igualdade real.
No ámbito local, Rivas celebrou o “importantísimo labor” dos corpos de seguridade na protección das 2.669 mulleres vítima de violencia de xénero que están protexidas polo sistema VioGen. “Sen seguridade e protección non existirían liberdade, igualdade nin democracia. A vosa misión garante o benestar de toda a sociedade”, concluíu.