María Teresa Pérez Cadilla gaña o XXVII Premio Antón Fraguas

A investigadora María Teresa Pérez Cadilla foi recoñecida co XXVII Premio Antón Fraguas polo seu traballo sobre a indumentaria tradicional galega nos Boletíns Oficiais da Provincia de Pontevedra entre 1835 e 1850
Premio Anton Fraguas
17 Dec 2025

A investigadora María Teresa Pérez Cadilla fíxose co XXVII Premio de Investigación Antón Fraguas sobre a Indumentaria Popular Galega polo seu traballo titulado A indumentaria tradicional galega nos Boletíns Oficiais da Provincia de Pontevedra (1835–1850). O acto de entrega do galardón celebrouse no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, e estivo presidido pola alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei.

O xurado acordou por unanimidade conceder o premio a este estudo, que destaca polo seu rigor e carácter innovador ao analizar unha fonte documental pouco explorada para o estudo da vestimenta tradicional: os boletíns oficiais provinciais. Trátase de documentos coetáneos ao período no que o traxe tradicional formaba parte da vida cotiá, o que permite achegar unha visión directa e complementaria ás investigacións baseadas en recollidas de campo ou análises iconográficas.

A investigación de Pérez Cadilla afonda nas referencias ás prendas tradicionais galegas presentes nestes boletíns entre 1835 e 1850, ofrecendo novas claves para comprender os usos reais da indumentaria no século XIX e contribuíndo á análise dun patrimonio material e inmaterial en constante evolución.

Durante a súa intervención, a alcaldesa de Santiago salientou o valor cultural, simbólico e identitario da indumentaria tradicional galega, afirmando que “os traxes tradicionais son moito máis que tecidos e adornos: son sinais de identidade, memoria colectiva e resistencia cultural”. Sanmartín destacou tamén o papel fundamental da investigación na recuperación, difusión e dignificación do patrimonio vestimentario galego.

A rexedora lembrou que Santiago de Compostela foi ao longo de 2025 un referente na promoción da indumentaria popular galega a través de diversas iniciativas culturais. Entre elas, puxo en valor o Día do Traxe Galego, integrado nas festas do Apóstolo, que contou cun desfile comunitario que partiu por primeira vez das sete portas históricas da cidade, simbolizando a diversidade e riqueza das tradicións galegas.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Consuelo Vázquez, agradeceu ao Concello de Santiago a vontade de dar “unha significación especial ao traxe galego” e sinalou que a existencia deste premio supón en si mesma unha forma de “dignificar o traxe” como elemento esencial do patrimonio cultural.

O Premio Antón Fraguas recoñece non só a excelencia académica, senón tamén o compromiso coa investigación, a conservación e a transmisión do patrimonio cultural galego. Desde o Concello de Santiago reafirmouse o apoio á investigación e á divulgación cultural como ferramentas clave para preservar a memoria colectiva e garantir a súa continuidade nas futuras xeracións.

⚙ Configurar cookies
0.23040509223938