Marta Villaverde Acuña é nomeada nova conselleira do Mar

Villaverde leva máis de dúas décadas vencellada ao sector primario galego, tanto no mar como no rural
Marta Mar
5 Jun 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, asinou o decreto de nomeamento de Marta Villaverde Acuña como nova conselleira do Mar, tras a dimisión de Alfonso Villares Bermúdez. Rueda agradeceu ao seu antecesor o traballo e dedicación prestados, desexándolle unha pronta resolución da súa situación.

Marta Villaverde ocupaba, desde abril de 2024, o cargo de directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Con anterioridade, desenvolveu outras responsabilidades dentro da mesma consellería, como subdirectora xeral de Pesca e Mercados da Pesca (2019-2023) e subdirectora xeral de Valorización dos Produtos do Mar (2023-2024).

É licenciada en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia desde o ano 2006. Ao longo da súa carreira, estivo sempre vinculada ao sector primario galego, tanto no ámbito do mar como no medio rural.

Entre os seus cargos anteriores destacan tamén o de facultativa veterinaria (2001-2006), inspectora veterinaria de Saúde Pública na Consellería de Sanidade, xefa de área de Seguridade Alimentaria (2014-2016) e inspectora pesqueira no Servizo de Inspección e Control de Recursos da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia (2012-2014).

A nova conselleira tomará posesión do seu cargo o xoves 5 de xuño, ás 9:30 horas, no Pazo de Raxoi.

⚙ Configurar cookies
0.23549699783325