Maruxa Seijas, homenaxeada como símbolo da loita contra o franquismo

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, participou este mércores no acto de homenaxe a María del Carmen Seijas, coñecida como Maruxa Seijas, organizada polo Concello da Coruña e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. No evento, celebrado no marco do recoñecemento anual ás persoas represaliadas polo franquismo, Maruxa foi distinguida como Republicana de Honra 2025.
Durante a súa intervención, María Rivas puxo en valor a figura desta coruñesa centenaria como símbolo da loita pola liberdade e contra a ditadura franquista, subliñando a importancia de manter viva a memoria histórica para construír unha sociedade máis xusta. “Maruxa representa a dignidade e a forza de quen nunca se dobregou ante o medo nin ante a represión”, afirmou.
O acto cobra especial relevancia neste 2025, ano no que se cumpren 50 anos da morte do ditador Francisco Franco. A subdelegada subliñou a necesidade de continuar promovendo iniciativas que visibilicen o sufrimento das vítimas da represión e que recoñezan a súa contribución á democracia actual.