Mazarelos enchése de obradoiros, música e tradición para celebrar o San Xoán 2025

A praza compostelá acollerá durante o 23 de xuño múltiples actividades para público familiar, incluíndo obradoiros, pasarrúas e unha foliada final co grupo Cantigas e Agarimos.
Mazarelos
13 Jun 2025

A praza de Mazarelos será un dos epicentros da celebración das Festas de San Xoán en Compostela o vindeiro domingo 23 de xuño, cunha xornada lúdica pensada para todos os públicos, especialmente o familiar, tanto local coma visitante. O obxectivo é poñer en valor esta festa tradicional tan arraigada nos barrios e parroquias da cidade.

Durante todo o día instalarase un punto de información sobre as cacharelas organizadas no municipio, co fin de descentralizar a participación e facilitar o acceso á veciñanza.

As actividades comezarán ás 16.00 h cun pasarrúas a cargo da A.C. Argalleiros, que animará as rúas ata as 21.00 h. A partir das 17.00 h darán comezo os obradoiros, todos de balde, aínda que se recomenda facer reserva previa.

Os obradoiros dispoñibles serán:

Obradoiro de Herbas de San Xoán

Obradoiro de baile galego

Obradoiro de pandeireta e percusións

Obradoiro de xogos con música

Tamén se ofrecerá auga de herbas xa preparada para levar, e ao final da tarde repartirase un lote de herbas de San Xoán para que as familias poidan preparar a súa propia auga na casa (ata esgotar existencias).

Paralelamente, organizaranse os Paseos botánicos para a recollida de herbas de San Xoán pola senda do río Sar, con punto de encontro na ponte vella do Sar. Haberá catro pases: dous pola mañá (ás 10.00 e 11.30 h) e dous pola tarde (ás 17.00 e 18.30 h). Tamén se recomenda reserva previa.

Como colofón da xornada, ás 21.30 h, o grupo Cantigas e Agarimos ofrecerá un concerto que rematará cunha foliada aberta ao público.

A información completa e as inscricións poden realizarse a través da web de Turismo de Santiago:

https://www.santiagoturismo.com/axenda-cultural/san-xoan-mazarelos-2025

⚙ Configurar cookies
0.27486610412598