Medio Ambiente anuncia 470 millóns en 2027 para reforzar a acción climática e a xestión máis eficiente da auga

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático disporá o vindeiro ano 2027 de 470 M€ –un 8,2 % máis que en 2026– para reforzar a acción climática, garantir unha xestión máis eficiente da auga e protexer o territorio.
Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria para explicar as contas do seu departamento para o próximo ano, a estratexia orzamentaria para 2027 baséase en tres liñas básicas: anticipación, protección e transformación. “O orzamento medra para anticiparnos aos riscos, para garantir servizos básicos como a auga e o saneamento, para protexer a nosa biodiversidade e para avanzar na transformación climática e circular da nosa economía”, sinalou a conselleira.
Augas de Galicia aglutina o maior investimento nestas contas, cun total de 151,6 M€ cos que se pretende actuar cunha visión integral que permita construír sistemas máis robustos, conectados e cada vez máis eficientes que garantan o mellor servizo posible e que estean mellor preparados ante fenómenos adversos como a seca ou as inundacións.
De feito, a conselleira incidiu en que se destinarán 27 M€ á resposta fronte á seca e ás inundacións –un 20% máis que este ano– porque “xestionar ben a auga esixe coñecer en cada momento canto temos, en que estado se atopa e onde debemos actuar primeiro”.
Con ese obxectivo reservaranse 2 M€ para o desenvolvemento do novo Plan estratéxico para o reforzo da eficiencia e da garantía do abastecemento de Galicia (Perega), que dará resposta á escaseza de auga con novas fontes de subministración subterráneas e superficiais, o impulso á reutilización e melloras nas redes e nas potabilizadoras.
Como novidades neste eido, o vindeiro ano, ademais de manter as axudas para reducir perdas, convocaranse apoios para que os concellos redacten plans de emerxencia e as administracións locais poderán obter unha dedución do 10% na cota do canon específico para a redución de perdas se achegan información sobre as súas perdas. A maiores, para avanzar na reutilización das augas residuais, as augas utilizadas procedentes de depuradoras urbanas terán tributación nula no canon.
Para facer fronte á nova realidade climática, avanzaremos en actuacións de prevención das enchentes en Sada, Ponteceso, Pontevedra, Gondomar, Valga, Padrón e Neda, combinando melloras hidráulicas con recuperación de espazos fluviais, solucións naturais e medidas innovadoras como a área de inundación controlada de Valdecorvos.
Así mesmo, destinaranse 77,1 M€ a abastecemento e saneamento para reforzar os servizos que determinan a calidade de vida e a capacidade de desenvolvemento de cada concello. Nese senso, Ángeles Vázquez subliñou que se seguirán executando diversas infraestruturas hidráulicas en toda a Comunidade e puxo como exemplo de obras de abastecemento a renovación do sistema de Ribadeo e Trabada, as actuacións en Ares ou as melloras na potabilizadora de Baiona, entre outras.
En canto ao saneamento e á depuración, Augas de Galicia investirá 56,8 M€ en actuacións como as novas estacións depuradoras en Cariño, Portomarín, Foz, Barro, Burela ou Laxe e obras de mellora en Lalín, Lugo, San Cristovo de Cea ou Marín, entre outras. A maiores, as actuacións vinculadas ás rías como as de Arousa, Pontevedra, Vigo, Ferrol, A Mariña, Ortigueira ou Ares-Betanzos sumarán 29 M€ en 2027.
O esforzo investidor de Augas de Galicia complétase co apoio aos concellos no exercicio das súas competencias en materia de abastecemento e saneamento con axudas que suman 10 M€. Ademais, destinaranse 16,9 M€ á conservación fluvial e poranse en marcha proxectos como o RegoSat, unha iniciativa de Compra Pública Innovadora que, cun investimento de 1,42 M€ en 2027, permitirá desenvolver unha monitorización máis intelixente.
Acción climática e circularidade dos residuos
Durante 2027 a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén avanzará no obxectivo de acadar a neutralidade de emisións no ano 2040, tal e como establece a Lei do clima. Para iso, o vindeiro ano o orzamento destinado ás políticas climáticas medrará un 29,3% ata acadar os 12,6 M€.
Neste eido a conselleira tamén fixo fincapé na importancia da anticipación xa que “cada euro destinado a coñecer o risco evita custos, reduce danos e protexe mellor ás persoas”. De aí o investimento de 4,5 M€ nas redes ambientais e de calidade do aire con accións como a mellora do radar de Cuntis, unha nova unidade móbil de calidade de aire e unha estación avanzada de control do aire –supersite– que permitirán detectar antes, coñecer mellor e reaccionar con máis precisión.
A representante autonómica avanzou que se desenvolverán novas accións como a habilitación do rexistro de promotores para recoñecer ás empresas, organizacións e eventos que midan, reduzan ou compensen a súa pegada de carbono; a implantación da contratación pública verde, ou a creación da Rede galega de refuxios climáticos para fomentar, identificar, conectar e facer recoñecibles espazos públicos que poidan protexer á poboación fronte ás vagas de calor.
Ademais, logo de explicar que o Mercado Voluntario de Créditos de Carbono contará en 2027 con 3,6 M€, Ángeles Vázquez sinalou que no camiño cara á descarbonización se seguirán promovendo as enerxías renovables. En concreto, a partir de 2027 facilitarase a modernización dos proxectos eólicos para producir máis enerxía limpa con tecnoloxía actual, menor impacto e maiores beneficios ambientais.
Para reforzar a preparación e transformación de Galicia ante os retos do futuro, tamén cómpre avanzar cara a un modelo de economía circular que pase de considerar o residuo como un problema a tratalo como un material que pode volver ao círculo produtivo. Así, promoveranse novas iniciativas para axudar á hostalería a reducir os residuos alimentarios, para acompañar ás empresas na xestión dos residuos da construción e para avanzar cara á circularidade téxtil.
A Xunta tamén continuará ao lado nos concellos na xestión dos residuos e destinará 4,1 M€ en axudas para mellorar a recollida separada, os puntos limpos ou os biorresiduos. Do mesmo xeito, Sogama investirá máis de 6,3 M€ no complexo medioambiental de Cerceda e na planta de transferencia de Santiago para cubrir as necesidades da incorporación dos concellos da Mancomunidade do Barbanza.
Protección do territorio
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático reforzará nun 34% o investimento para a dinamización e protección do litoral. “Queremos unha costa mellor protexida, pero tamén máis accesible, máis ordenada e máis viva”, aseverou a conselleira.
Ángeles Vázquez fixo fincapé en que a Xunta reforzará a xestión próxima, transparente e eficiente que leva a cabo desde que exerce as plenas competencias nesta materia con novas iniciativas como a implantación da Oficina Virtual do Litoral –servizo personalizado de asesoramento a concellos e particulares–, a elaboración do Plan director do Camiño do Litoral, a posta en marcha do programa de voluntariado Mocidade polo Camiño do Litoral ou a creación da Cátedra Galicia Litoral.
Tamén se impulsará a Rede de praias sostibles e inclusivas, coa que se estenderá a máis areais a acción piloto posta en marcha o pasado verán no Porto do Son, Viveiro e Baiona. Nesta rede tamén se enmarcará o Bono Sostible Azul, co que se ofrecerán incentivos de ata 5.000 euros para que os establecementos de tempada melloren as súas prácticas ambientais e a súa integración paisaxística.
No eido do Patrimonio Natural invístese este ano 2027 un total de 48,71 M€, un 3,46% máis que o ano pasado para non simplemente coidar o territorio, senón para fortalecer os ecosistemas, restaurar e reforzar a resiliencia dos espazos naturais.
Neste sentido destaca o Plan Restaura, ao que se destinan 2 M€ para recuperar 240 hectáreas afectadas polos incendios na Serra da Enciña da Lastra, no Teixedal de Casaio e nos Canóns do Sil, tres espazos da Rede Natura nas provincias de Lugo e Ourense nos que se plantarán 200.000 exemplares, principalmente de orixe local.
Ademais, destinaranse 5 M€ aos parques naturais e ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas e rematará a rehabilitación da antiga fábrica de salazón de Sálvora para convertela nun espazo museístico. Neste senso, e coincidindo co 25 aniversario do Parque Nacional, investiranse máis de 1,2 M€ na mellora e a restauración dos seus hábitats. A maiores, e co obxectivo de que a metade do territorio galego estea baixo algunha figura de protección, promoverase a candidatura da 8ª Reserva da Biosfera: a Reserva da Biosfera Fisterra-Silleiro.
Tal e como sinalou a conselleira, esta política ambiciosa tamén chega aos animais e no ano 2027 Galicia contará en Curtis co primeiro centro autonómico público de protección animal, con capacidade para 500 animais e un investimento total de 4,5 M€. A isto súmase a aposta polos parques caninos –con 170.000 € para os de Ourense e Santiago– e a continuidade dos apoios de protección a animais de compañía con 1,1 M€
No referido á fauna silvestre, destinaranse 4 M€ –un 10% máis que o pasado ano– á prevención e compensación dos danos causados polo lobo, o xabaril e o oso pardo. Unha aposta que responde ao convencemento de que, tal e como subliñou Ángeles Vázquez, “a conservación da fauna e o apoio a quen vive do territorio non poden ser obxecto de enfrontamento”.
Xa por último, o Instituto de Estudos do Territorio, cun orzamento de 5,84 M€, márcase como obxectivo estender o fermosismo ao 100% do territorio galego e conceder axudas para chegar ata as 4.000 actuacións desde a posta en marcha do programa, no ano 2021. Ademais, ampliará a iniciativa A paisaxe de Galicia desde a bicicleta promovendo 16 novas rutas ciclistas en Alfoz, Mos e O Bolo con 600 quilómetros de alto interese paisaxístico.