Medio Rural amplía as zonas afectadas pola flavescencia dourada da vide

A Consellería do Medio Rural vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova resolución da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias pola que se amplían as zonas demarcadas pola praga de corentena da flavescencia dourada da vide.
O obxectivo desta medida é reforzar as actuacións de control e erradicación desta enfermidade, que afecta ás viñas e supón unha ameaza relevante para o sector vitivinícola galego.
A nova delimitación abrangue 26 parroquias de oito concellos da provincia de Ourense: Beade, Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo de Miño, Celanova, Cenlle, Ramirás e Ribadavia.
Segundo recolle a resolución, nas prospeccións realizadas durante o segundo semestre de 2025 detectáronse novas plantas afectadas en distintos puntos, o que motivou esta ampliación das zonas de vixilancia e a continuidade das medidas fitosanitarias.
En total, tras esta actualización, en Galicia hai 34 concellos incluídos na área demarcada, dos cales 24 pertencen á provincia de Ourense e os 10 restantes á de Pontevedra.
A Xunta lembra que a listaxe completa de concellos e parroquias afectadas pode consultarse no propio DOG, onde se detallan todas as medidas vixentes para o control desta praga.