Medio Rural amplía o orzamento das axudas para a contratación de seguros agrarios

Esta partida permite a contratación dunha ou varias pólizas e poderán beneficiarse as persoas empresarias individuais ou sociedades titulares de explotacións na nosa comunidade
sementar-na-terra-agricultura-campo
17 Jun 2026

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se amplía o orzamento das axudas para impulsar a contratación de seguros agrarios. Tendo en contra este incremento, a convocatoria de 2026 está dotada cun total de 11 millóns de euros, o que supón un aumento de 1,5 millóns.

Así, esta partida permite a contratación en 2026 dunha ou varias pólizas de seguros e poderán beneficiarse as persoas empresarias individuais ou sociedades titulares de explotacións na nosa comunidade. A porcentaxe de subvención, en xeral, é dun máximo do 75 % do custo da póliza, entre fondos autonómicos e estatais. Ademais, as pólizas contratadas por entidades asociativas de agricultores e gandeiros teñen unha axuda adicional do 4 %.

Os seguros agrarios subvencionados abranguen unha gran diversidade de producións e cobren, entre outros supostos, a retirada e destrución de cadáveres de animais ou a perda de gando ou de colleitas. Cómpre salientar que as entidades aseguradoras españolas máis importantes intégranse en Agroseguro e forman parte do Sistema Español de Seguros Agrarios, considerado un dos mellores a nivel mundial. Cabe sinalar que o prazo para solicitar estas achegas permanece aberto durante todo o ano.

A Xunta fai unha clara aposta por incentivar o aseguramento do sector do sector agrogandeiro, especialmente no ámbito agrícola, no que menos pólizas se contratan. Desta forma, desde o ano 2017 investíronse máis de 60 millóns de euros de fondos propios para fomentar a contratación dos seguros na nosa comunidade, o que permitiu incrementar o nivel de aseguramento no sector agrogandeiro, especialmente no ámbito agrícola porque é no que menos pólizas se contratan.

Só no 2025 contratáronse preto de 38.000 pólizas, que permitiron cubrir máis de 31.800 hectáreas e 40,8 millóns de animais para chegar a un capital asegurado superior aos 1.200 millóns de euros. A superficie, animais e capital non deixou de medrar nos últimos anos. De feito, a superficie duplicouse, dado que en 2017 había 14.200 hectáreas.

As explotacións agrícolas e gandeiras enfróntanse a riscos imprevisibles que poden afectar aos seus rabaños, colleitas ou producións, e que polo tanto comprometen a súa viabilidade económica. Eliminar a incerteza económica derivada destas circunstancias é un dos grandes obxectivos do sector produtor e das administracións públicas. O seguro agrario é un factor de enorme estabilidade do sector, un instrumento para garantir as rendas agrarias.

0.32050609588623