Medio Rural asegura a subministración de alimento para as ganderías afectadas polos incendios

A Xunta puxo en marcha este sábado un operativo de emerxencia para garantir a alimentación do gando nas explotacións afectadas polos incendios forestais que arrasan a provincia de Ourense.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, estivo na Pobra de Trives para supervisar a chegada dun dos primeiros camións co que arrinca este dispositivo. A medida, explicou, desenvolverase “en coordinación cos concellos e asociacións de gandeiros, co obxectivo de dar unha resposta áxil e eficaz ás necesidades do sector”.
O plan activouse mediante unha contratación de emerxencia coa empresa pública TRAGSA e contará tamén coa colaboración de entidades do propio sector agrogandeiro.
Segundo destacou Gómez, a Administración autonómica asumirá por completo os gastos do operativo: “o propio alimento, o transporte e a distribución da comida”, incidiu. Con esta actuación, a Xunta reafirma o seu compromiso co benestar animal e co apoio ás explotacións rurais galegas nun momento de especial dificultade.