Medio Rural comprométese coa loita contra os incendios forestais na fronteira con Portugal

A Xunta reforza o seu compromiso na loita contra os incendios forestais na fronteira entre Galicia e Portugal. Neste contexto, o director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco, recibiu ás autoridades do Programa de cooperación Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) e participou hoxe nunha visita das unidades de coordinación á base aérea de Verín-Oímbra. No encontro, o director xeral presentou o proxecto europeo Interlumes, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza enmarcada neste programa Interreg.
Interlumes ten como finalidade reforzar a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal na prevención e loita contra os incendios forestais, favorecendo a coordinación dos medios e recursos de ambos os dous territorios e mellorando a capacidade de resposta ante os lumes que afectan as zonas fronteirizas. Tal e como recalcou o director xeral, a iniciativa aposta por “compartir coñecementos, experiencias e capacidades operativas, así como por desenvolver infraestruturas e actuacións conxuntas que permitan facer máis eficaz a resposta fronte aos incendios forestais a ambos os lados da fronteira”.
Deste proxecto europeo naceu a base aérea de Verín-Oímbra, a primeira fronteiriza entre España e Portugal, cuxa posta en marcha supuxo un investimento de 5,5 millóns de euros. O obxectivo desta infraestrutura é intensificar a capacidade operativa da resposta na extinción de incendios forestais, consolidando os mecanismos de cooperación entre Galicia e o norte de Portugal.
A base conta con catro depósitos de auga e instalacións de carga de combustible, así como unha torre de control e un edificio de descanso para brigadas e pilotos de helicópteros e avións. Alén diso, o aeródromo dispón dunha plataforma de estacionamento para seis aeronaves de carga en terra e un heliporto con capacidade para catro helicópteros, ademais dunha pista de aterraxe de 1.200 metros.
Con iniciativas como esta, o proxecto Interlumes segue a ser un exemplo de coordinación e cooperación en dous países para loitar conxuntamente contra os incendios forestais de forma efectiva.