Medio Rural constituirá un Comité de Expertos para reforzar a prevención, defensa e ordenación do monte

Vai estar formado por científicos, profesores e persoal técnico, que achegarán novas visións e iniciativas de futuro nestes eidos
proxecto-eólico-Monte-Contado-en-Lugo-e-Castroverde
11 Jun 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, anunciou hoxe a próxima constitución dun Comité de Expertos do ámbito forestal que traballará “achegando información e iniciativas de futuro” tanto no ámbito da prevención e defensa contra incendios forestais como no da ordenación do monte. Foi durante a súa intervención no acto inaugural do evento rexional do programa europeo Interreg Sudoe contra incendios forestais USE4FOREST, que se desenvolve hoxe en Santiago, e no que tamén participa o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, que será o encargado de pechar esta tarde o seminario.

Segundo explicou a conselleira, o Comité de Expertos porase en marcha para “escoitar e contar coa opinión de científicos, profesores ou técnicos especializados”, que xa participan habitualmente en proxectos como o USE4FOREST, e configurarase como “un espazo para sumar coñecemento e transferilo á toma de decisións”. Gómez enmarcou a iniciativa na importancia que teñen a investigación, o coñecemento científico e a responsabilidade social como ferramentas claves na loita contra o lume, xunto coa prevención e a extinción, tal e como se pon de manifesto a través deste proxecto europeo.

Sobre esta iniciativa Interreg Sudoe, a titular de Medio Rural salientou que o seu principal obxectivo é mellorar a forma na que se defenden os montes fronte os lumes, abordando a cuestión “desde unha óptima multidisciplinar e centrada no rigor técnico”. Neste contexto, subliñou que a iniciativa “xa está a dar resultados tanxibles en Galicia”, como son os dous novos postos de mando avanzado móbiles presentados recentemente na base aérea de Verín-Oímbra, unha infraestrutura que tamén se fixo realidade a través da cooperación transfronteiriza.

Ademais, a conselleira vinculou este tipo de proxectos europeos con políticas que a Xunta leva anos impulsando e que inciden na prevención. Así, referiuse ao Plan de Pastos, á Escola de Pastores e ás devasas produtivas, así como tamén ao convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias, centrado na protección, especialmente nas parroquias priorizadas.

Nesta mesma liña, Gómez lembrou as principais novidades da actualización do Pladiga 2026, como son a incorporación de ferramentas dixitais -e nomeadamente a nova aplicación cidadá para a alerta temperá de lumes, que se presentará proximamente-, os sistemas de videovixilancia e o reforzo dos medios operativos, tanto materiais como humanos. O obxectivo, resumiu, non é outro que “anticiparse, planificar e mellorar cada ano a resposta”.

Ademais das intervencións institucionais, a xornada de debate deste proxecto europeo contou hoxe coa participación de diferentes técnicos e expertos. Así, o profesor e investigador da Universidade de Vigo, Juan Picos, realizou unha demostración do uso de simuladores a gran escala para modelizar o comportamento do lume e localizar áreas con alto potencial de converterse en Grandes Incendios Forestais (GIF), mostrando como estas ferramentas permiten anticipar escenarios de risco extremo e orientar as decisións de prevención e extinción sobre o terreo.

Asemade, Enmanuel Oliveira, responsable do Laboratorio Rural de Paredes de Coura -un espazo de innovación agroforestal portugués situado en Viana do Castelo-, realizou unha análise histórica dos grandes incendios forestais ocorridos no espazo Sudoe, que comprende un total de 26 rexións de Francia, Portugal, España e Andorra, entre elas Galicia.

No foro participaron tamén diferentes técnicos da Xunta de Galicia, que abordaron asuntos sobre grandes incendios forestais ou as boas prácticas na xestión de biomasa. A xornada de análise pecharase pola tarde, cunha mesa redonda na que participarán varios dos relatores que interviñeron pola mañá, e coa clausura a cargo do director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural.

USE4FOREST é un proxecto europeo contra incendios cofinanciado ao 75 % polo programa de Cooperación Interreg Sudoe que conta cun orzamento de algo máis de tres millóns de euros. Na iniciativa, aparte da Consellería do Medio Rural, participan por parte española a Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo; a Deputación de Ourense; a Junta de Castilla y León; a Hazi Fundazioa; a Fundación Tecnalia Research & Innovation e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Ademais, toman parte diferentes entidades públicas e privadas de Portugal e Francia.

0.32442307472229