Medio Rural convoca as axudas para recría das razas autóctonas de ruminantes ameazadas

Da contía total, destínanse 350.000 euros para as persoas titulares de explotacións bovinas e os 40.000 restantes para as explotacións de gando ovino e caprino
vaca-cachena
1 Jul 2026

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), por segundo ano consecutivo, a convocatoria das axudas para a recría das razas autóctonas de ruminantes ameazadas de Galicia, cun orzamento de 390.000 euros. O obxectivo é reforzar o apoio aos gandeiros que apostan pola preservación do patrimonio xenético e produtivo, así como pola sustentabilidade do rural.

Con estas axudas búscase que os gandeiros poidan substituír os seus animais por exemplares criados na propia explotación desde o desleite, o que contribúe a mellorar a adaptación dos animais ao medio, reducir custos e garantir a continuidade das explotacións.

Da contía total, destinaranse 350.000 euros para o pagamento das axudas ás persoas titulares das explotacións de gando bovino -das razas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa-, e 40.000 euros para as de Ovella Galega e Cabra Galega. Así, as axudas poderán chegar a un importe máximo por granxa de 15.000 euros, sendo a achega tope por animal de 350 euros no caso dos bovinos e de 60 no ovino e cabrún.

Poderán beneficiarse destas achegas as persoas tanto físicas como xurídicas titulares de explotacións gandeiras situadas na nosa comunidade. Estas deberán estar inscritas no libro xenealóxico das razas autóctonas de Galicia, entre outros requisitos. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contando dende mañá.

0.34162497520447