Medio Rural convoca por primeira vez os premios para os criadores de razas bovinas autóctonas

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, por primeira vez, dos premios para recoñecer a excelencia do traballo dos criadores de razas bovinas autóctonas ameazadas de Galicia. Mediante esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), ponse en valor a gran relevancia social, medioambiental e cultural destas razas para Galicia, así como ás granxas destes animais, que son un dos motores económicos do rural galego.
Estes galardóns teñen como finalidade distinguir a actividade dos gandeiros no proceso de cría das razas bovinas autóctonas a prol do mantemento destes recursos zooxenéticos, conseguindo uns produtos cárnicos de maior calidade de forma sustentable e velando polo benestar animal. Establécense cinco categorías, unha por cada raza ameazada -Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa-, e dentro de cada categoría os premios estrutúranse en tres bloques: á Excelencia Gandeira, ao Legado e Vigor e á Identidade e Semente da Raza.
Ao premio de Excelencia Gandeira poderán optar aquelas explotacións que figuren en estado de alta no Rexistro de Explotacións Gandeiras (REGA), cun censo mínimo de 10 vacas nutrices, que participen no programa de cría da raza ao peche do exercicio e que conten cunha antigüidade mínima de cinco anos.
No caso de Legado e Vigor mantéñense os mesmos requisitos de elixibilidade, e divídese en dúas categorías de elite. A primeira é a das “Vacas de Vida”, mediante a cal se identificarán animais de máis de 15 anos de idade que conten, como mínimo, con 12 partos rexistrados no seu historial produtivo, valorando así a resistencia e legado dos exemplares. En segundo lugar está a categoría de “Vacas 2+3”/ “Novas Promesas”, na que se avaliarán as vacas activas cun mínimo de dous partos, cuxo primeiro tivese lugar entre os 20 e os 24 meses de idade, e que manteñan un intervalo medio entre partos de entre 12 e 12,8 meses.
En terceiro lugar, no premio á Identidade e Semente da Raza, valorarase a proporción do rabaño activo que conte con reprodutores con ADN comprobado. A puntuación será maior en función da porcentaxe e o índice poderase ver incrementado polos animais reprodutores con ADN verificado nos últimos cinco anos.
Desde a Consellería do Medio Rural mantense un firme compromiso coa preservación deste tipo de animais. Neste sentido, veñen de convocarse por segundo ano consecutivo as axudas destinadas á recría de razas autóctonas de ruminantes ameazadas, cun orzamento de 390.000 euros.
O obxectivo destas achegas é reforzar o apoio aos gandeiros que apostan pola preservación do patrimonio xenético e produtivo, así como pola sustentabilidade do rural. Cómpre lembrar que o prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 3 de agosto.