Medio Rural destina 670.000 euros á recuperación da zona de Viana do Bolo afectada polos incendios

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou hoxe o concello ourensán de Viana do Bolo, onde comprobou o estado das actuacións executadas para recuperar as zonas afectadas polos incendios forestais do ano pasado. Así, nesta localidade investíronse máis de 670.000 euros para actuar nos terreos de diferentes comunidades de montes veciñais en man común do municipio.
Así, lembrou que a Consellería do Medio Rural puxo a disposición dos afectados por estes lumes ata oito liñas de achegas que cobren o 100 % do investimento, con límites que poden chegar ata os 200.000 euros por persoas beneficiaria. No eido concreto do sector forestal, convocáronse achegas para paliar os gastos derivados da eliminación de madeira non comercial; para realizar plantacións substitutorias; para reparar os danos causados a infraestruturas de titularidade privada e para a reparación da maquinaria e equipamento forestal danado.
Ademais, a Consellería convocou achegas destinadas ás explotacións agrícolas e gandeiras, centradas na reparación de bens danados; na cobertura pola perda de producións ou morte de gando; e tamén para a adquisición de alimentación complementario para o gando.
A maiores, leváronse a cabo tarefas de consolidación de solos para evitar a súa erosión coa técnica de mulching e a instalación de albarradas en áreas prioritarias identificadas polo CSIC en Ourense e Lugo. De xeito complementario, executáronse traballos de adecuación do firme de pistas forestais danadas en máis de 100 km de pistas das catro provincias. Neste concepto mobilizáronse case 1,6 millóns de euros.
Cabe sinalar que se tramitaron tamén 13 expedientes de restauración hidrolóxico-forestal con especial atención ás zonas afectadas polos incendios de Larouco, Oímbra e Chandrexa de Queixa; e desenvolveuse un amplo plan de alleamento de madeira comercial.