Medio Rural destina máis de 1M€ en axudas para o subministro de froita fresca, castañas e leite nos centros escolares galegos no curso 25-26

A Consellería do Medio Rural convoca axudas por máis dun millón de euros, financiadas con fondos europeos, para garantir o consumo de froita, castañas e leite en centros de infantil, primaria e secundaria durante o curso 2025-2026.
Xunta de Galicia Froita
31 Aug 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), adscrito á Consellería do Medio Rural, pola que se convocan para o curso 2025-2026 as axudas destinadas ao subministro de froita fresca, castañas e leite ao alumnado galego.

A medida conta cun orzamento de 1.008.341,51 euros, financiados ao 100% polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). O prazo de solicitude estará aberto ata o 29 de setembro e poderán acceder a estas axudas os centros de educación infantil de segundo ciclo, primaria e secundaria, incluíndo ESO, bacharelato e FP básica e de grao medio.

Cada ano, máis de 80.000 alumnos e alumnas benefícianse destes programas, que permiten consumir froita e leite durante o recreo nos seus colexios. Para o próximo curso, as achegas ascenden a 373.978,84 euros no apartado de leite e 634.362,67 euros no de froita e castañas.

O plan contempla dous períodos de distribución:

De novembro de 2025 a febreiro de 2026.

De marzo a xuño de 2026.

En cada un deles, a repartición de froitas frescas e castañas realizarase durante 10 días lectivos consecutivos, mentres que a de leite líquido será tamén durante un mínimo de 10 días seguidos.

A través desta liña de axudas, a Consellería do Medio Rural busca fomentar hábitos de consumo saudables entre a infancia e a mocidade galega, asegurando o acceso a produtos naturais de alta calidade nutricional.

⚙ Configurar cookies
0.37476801872253