Medio Rural destina medio millón de euros aos consellos reguladores dos produtos de calidade diferenciada

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas aos consellos reguladores das denominacións de calidade para gastos de funcionamento, cun orzamento de máis de 500.000 euros que se distribuirá entre 15 entidades que xestionan directamente indicacións xeográficas e denominacións de orixe protexidas na nosa comunidade.
Para a distribución destas subvencións tívose en conta a capacidade de autofinanciamento, o peso dos custos de persoal sobre o total e a dispersión xeográfica das empresas inscritas, entre outros criterios. Deste xeito, as entidades beneficiarias recibirán entre 22.500 e 46.000 euros cada unha para cubrir gastos de carácter corrente vinculados coa súa actividade, co obxectivo de facilitar o seu labor ao longo de todo o ano.
En concreto, son subvencionables os custos de persoal e outros gastos correntes realizados directamente polos consellos reguladores, como alugueiro de locais, bens funxibles, electricidade, telefonía, auga, gas, envíos e mensaxería, pólizas de seguros ou gastos de desprazamento, manutención e aloxamento, entre outros.
Con estas axudas, a Xunta contribúe ao funcionamento dos consellos reguladores, entidades fundamentais na xestión, defensa e promoción das denominacións de orixe e indicacións xeográficas, así como na vertebración dos sectores produtivos vinculados a elas. Este apoio resulta especialmente relevante para aqueles consellos cun menor volume de actividade económica e, polo tanto, cunha capacidade de autofinanciamento máis limitada, favorecendo que poidan desenvolver adecuadamente as súas funcións e contribuír á consolidación das producións amparadas.
A importancia deste labor reflíctese na propia dimensión económica e social da calidade diferenciada galega. En 2025, o valor da produción certificada polos consellos reguladores do ámbito agroalimentario acadou preto de 746 millóns de euros, un 5,6 % máis que en 2024, consolidando a evolución ascendente rexistrada nos últimos anos. Desta cifra, máis de 627 millóns de euros corresponden ás DOP e IXP agroalimentarias e máis de 118 millóns á produción ecolóxica certificada.
Detrás destes datos existe tamén unha importante base produtiva e empresarial: as producións certificadas implican 21.702 produtores e explotacións e 1.143 industrias transformadoras e comercializadoras, distribuídas por todo o territorio galego e, en boa medida, asentadas no medio rural.
Deste xeito, a calidade diferenciada constitúe unha ferramenta para achegar valor ás producións agroalimentarias, manter actividade económica no territorio e reforzar a identificación dos produtos coa súa orixe, ao tempo que contribúe ao prestixio e á reputación do conxunto do sector alimentario galego. A calidade diferenciada, aínda que representando menos do 15 % do valor da produción agraria galega, funciona como unha punta de lanza do sector alimentario, trasladando reputación ao seu conxunto.
O Goberno galego leva investidos máis de 9 millóns de euros desde 2009 a través desta liña específica de axudas para apoiar o funcionamento dos consellos reguladores. Este respaldo forma parte dunha política máis ampla de impulso á calidade diferenciada na nosa comunidade.
Así, nos orzamentos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para 2026 consignáronse preto de 11,2 millóns de euros para potenciar as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, así como a produción ecolóxica e artesanal, mediante actuacións de promoción directa, axudas á promoción dos consellos reguladores, programas de control, apoio ao seu funcionamento e á participación dos produtores nestas figuras de calidade.
Galicia conta con 35 DOP e IXP do ámbito agroalimentario, ás que se suman a produción certificada pola Agricultura Ecolóxica de Galicia e Artesanía Alimentaria, configurando un sistema de calidade diferenciada estreitamente vinculado á economía, á identidade e ao territorio galego.