Medio Rural incrementa un 50 % o investimento para 2026 na prevención contra incendios forestais e intensifica os apoios a particulares e concellos

A Consellería do Medio Rural reforzará as actuacións en materia de incendios forestais en 2026 cun investimento de 75,38 millóns de euros, o que supón un incremento do 50 % respecto ao exercicio anterior. Así o anunciou hoxe a conselleira María José Gómez durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia, a petición propia, para facer balance da loita contra o lume unha vez rematada a tempada de alto risco.
A titular de Medio Rural destacou que o Goberno galego redobrará o seu apoio a particulares e concellos co obxectivo de favorecer o cumprimento das obrigas nas franxas secundarias e protexer os núcleos de poboación. Nesa liña, o convenio coa Fegamp e Seaga duplicará o seu orzamento, pasando de 12 a 25 millóns de euros en 2026.
O novo acordo incluirá máis parroquias priorizadas, nas que os veciños poderán contratar a Seaga para a limpeza das súas fincas, e facilitará as execucións subsidiarias urxentes nas zonas de maior risco. Tamén se dará maior apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes e impulsaranse barreiras naturais con frondosas nestas franxas, reforzando o xa contemplado no convenio actual.
A conselleira explicou que tamén se seguirán realizando tareas preventivas en montes públicos e comunidades de montes veciñais, incluíndo rozas, mellora de pistas e puntos de auga. Indicou que os obxectivos marcados no Pladiga 2025-2026 están practicamente cumpridos neste ámbito.
Formación e sensibilización
Entre 2025 e 2026 destinaranse 1,8 millóns de euros á formación especializada do persoal, un 19 % máis que no bienio anterior. Gómez salientou o papel do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, que este ano acolleu formación de bombeiros de Países Baixos, Estonia e o País Vasco, e insistiu na vontade de convertelo nun referente internacional.
Ademais, reforzaranse as accións de sensibilización cidadá, especialmente entre a infancia, cun programa educativo específico nos colexios para dar a coñecer o labor do persoal e poñer en valor a súa contribución. “Queremos incrementar o prestixio social dos profesionais que loitan contra o lume”, indicou.
Melloras técnicas e laborais
O dispositivo galego conta con 3.000 profesionais que poden chegar a 7.000 na época de alto risco, sumando apoios doutras administracións e corpos de seguridade. Dispón de 380 motobombas, 36 bulldozer, 14 batracios e máis de 30 medios aéreos. Gómez puxo en valor o avance tecnolóxico coa rede de 181 cámaras de vixilancia en 90 puntos, que se ampliará con 56 novas instalacións.
A conselleira lembrou as melloras laborais implementadas: dous terzos do persoal traballa todo o ano e o resto pasará de oito a nove meses en 2026. “Sen os profesionais non existiría dispositivo”, subliñou, lembrando que en 2008 o número de efectivos era inferior a 1.900.
Tamén avanzou a construción de novas bases aéreas en Lalín e Valga e a adquisición de novas motobombas e máquinas multifunción, cun investimento superior aos 9 millóns de euros.
Condicións extremas e intencionalidade
Gómez explicou que o verán estivo marcado por condicións climatolóxicas extremas —seca, altas temperaturas e baixa humidade— que favoreceron a rápida propagación do lume. Citou o incendio de Larouco, cun crecemento puntual de 1.700 hectáreas por hora, e destacou a simultaneidade de dez grandes incendios na zona sueste.
A conselleira sinalou que máis do 70 % dos incendios de agosto foron intencionados, e afirmou que “Galicia non arde soa, a Galicia quéimanna”. Grazas ás investigacións da Unidade de Investigación de Incendios Forestais, 15 persoas foron postas a disposición xudicial por delito de incendio intencionado e dúas por imprudencia.
Recuperación e axudas
Medio Rural iniciou en outubro os traballos de recuperación do monte e loita contra a erosión mediante a técnica do mulching e destinará 3,2 millóns de euros en 2026 para continuar coas tarefas de restauración. Ademais, aprobáronse 156 axudas por máis dun millón de euros a explotacións gandeiras, agrícolas e forestais afectadas polos lumes.
Gómez tamén destacou o reparto de alimentación para o gando durante a vaga de incendios de agosto: case 100 toneladas de penso e máis de 1.560 de herba seca en 22 concellos.