Medio Rural inviste case 337.000 euros en tres pasteiros de Chandrexa de Queixa e Manzaneda

As actuacións desenvolvéronse en preto de 30 hectáreas e inclúen melloras para impulsar a actividade gandeira, a biodiversidade e a prevención de incendios
medio-rural-pasteiros-chandrexa-manzaneda
19 Jun 2026

A Consellería do Medio Rural destinou preto de 337.000 euros á creación e desenvolvemento de tres pasteiros situados nos concellos ourensáns de Chandrexa de Queixa e Manzaneda, actuacións que abarcaron unha superficie total de 29,7 hectáreas. O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe os traballos realizados.

Durante a visita, Balseiros destacou a importancia deste tipo de actuacións para favorecer o desenvolvemento do medio rural e subliñou a súa contribución á conservación da biodiversidade e dos ecosistemas agroforestais, ademais do seu papel na prevención dos incendios forestais a través da gandaría en extensivo.

No municipio de Chandrexa de Queixa executáronse dous pasteiros, ambos situados na parroquia de Requeixo. O primeiro deles localízase no monte veciñal en man común de Requeixo, foi desenvolvido en 2022 e contou cun investimento de 91.338 euros nunha superficie de 9,9 hectáreas.

Nesta actuación realizáronse traballos de roza mecanizada, gradeo, encalado, aboado e sementeira, entre outras intervencións. Ademais, construíuse un peche perimetral de 1.600 metros lineais e instalouse unha manga de manexo para o gando.

O segundo pasteiro de Chandrexa de Queixa sitúase no monte veciñal en man común de Castelo e Zamorela. Os traballos executáronse entre os anos 2024 e 2025 sobre unha superficie tamén de 9,9 hectáreas e o investimento superou os 116.000 euros. Neste espazo realizáronse actuacións similares ás do primeiro proxecto e construíuse un peche gandeiro de 1.500 metros lineais.

Pola súa banda, o terceiro pasteiro está situado no monte veciñal en man común de San Martiño de Arriba, en Manzaneda. Desenvolveuse entre 2024 e 2025 nunha extensión de 9,9 hectáreas e contou cun investimento superior aos 129.000 euros.

Ademais das actuacións propias para a creación do pasteiro, como roza e sementeira, neste espazo construíuse un peche gandeiro de 2.000 metros lineais, instaláronse dúas portas de acceso ás distintas parcelas e incorporouse tamén unha manga de manexo.

Estas actuacións forman parte do Plan de Pastos de Galicia, unha iniciativa que desde o ano 2020 permitiu a mobilización de case 2.500 hectáreas distribuídas en 106 pasteiros, cun investimento global próximo aos 15 millóns de euros.

0.33270406723022