Medio Rural negocia co persoal do Servizo de Prevención de Incendios melloras laborais

A Consellería do Medio Rural avanza coas mesas de diálogo co persoal do Servizo de Prevención e Defensa (SPIF) contra os Incendios Forestais para concretar as melloras específicas por cada unha das tres categorías (técnicos, axentes medioambientais e bombeiros forestais). Neste sentido, a secretaria xeral técnica da Consellería, Marta Forés; e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, presidiron senllas xuntanzas con técnicos e axentes, que lle dan continuidade ás xa realizadas desde o pasado mes de abril.
No caso dos técnicos, os representantes da Consellería manifestaron o compromiso de iniciar a tramitación dun concurso de traslados específico para os xefes de distrito despois do remate do verán, así como unha modificación inmediata da RPT (Relación de Postos de Traballo) que implicará incorporar os xefes de área ao acordo de condicións específicas do persoal do SPIF. A maiores, avanzouse a vontade de apoiar a aplicación de coeficientes redutores na idade de xubilación nesta categoría, se ben se trata dunha cuestión que depende do desenvolvemento dunha normativa a nivel estatal.
A citada modificación da RPT tamén afectará aos axentes, dado que se dotarán as prazas da UDEX, a Unidade de Directores de Extinción especializada en grandes incendios forestais. Cómpre destacar que unha das novidades do Pladiga 2026 era, precisamente, o incremento destas prazas, pasando de 6 a 15, polo que se dá cumprimento así a este anuncio. A maiores, tamén se están negociando melloras nos complementos de nocturnidade, produtividade e niveles dos axentes, cuestións que se irán delimitando e concretando en próximas xuntanzas.
Nunha reunión previa coas organizacións sindicais en marzo, desde a Consellería do Medio Rural, entre outras cuestións, transmitiuse o compromiso de apertura destas mesas de diálogo específicas para acordar melloras concretas, un proceso que comezou en abril e continúa. De feito, a vindeira semana será a quenda dos bombeiros forestais.