Medio Rural pagará aos bombeiros forestais por domingos e festivos traballados

A Consellería do Medio Rural segue avanzando coas mesas de diálogo co persoal do Servizo de Prevención e Defensa (SPIF) contra os Incendios Forestais para concretar as melloras específicas por cada unha das tres categorías (técnicos, axentes medioambientais e bombeiros forestais). Neste sentido, a secretaria xeral técnica da Consellería, Marta Forés; e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, presidiron esta mañá a terceira reunión cos representantes sindicais dos bombeiros forestais, a quen lles trasladaron unha serie de melloras concretas para o persoal laboral, que cobrará tamén por domingos e festivos traballados.
Deste xeito, a proposta de retribucións sitúase entre os 220 e os 140 euros en función do grupo concreto do persoal, se ben aínda está aberta a negociación. Con esta medida, iguálase a situación do persoal fixo discontinuo ao persoal funcionario nesta cuestión en particular. A maiores, é importante salientar que a cobertura de prazas para todas as categorías de bombeiro forestal superan actualmente o 99% de cobertura.
Cómpre lembrar que este persoal laboral, que supón 1/3 do SPIF, xa viu mellorada a súa estabilidade laboral nos últimos anos, dado que en 2023 traballaba seis meses ao ano e este 2026 faino por primeira vez ao longo de nove meses, tras un proceso de mellora continuada no tempo.
A xuntanza súmase ás mantidas xa con anterioridade desde o pasado mes de abril, tanto con bombeiros forestais, con técnicos e con axentes. Estes procesos de negociación continúan e, de feito, nos próximos días levaranse a cabo novas reunións para pechar as medidas xa valoradas previamente cos representantes sindicais dos outros dous colectivos.
No caso dos técnicos, os representantes da Consellería xa manifestaron o compromiso de iniciar a tramitación dun concurso de traslados específico para os xefes de distrito despois do remate do verán, así como unha modificación inmediata da RPT (Relación de Postos de Traballo) que implicará incorporar os xefes de área ao acordo de condicións específicas dos técnicos. A maiores, avanzouse a vontade de apoiar a aplicación de coeficientes redutores na idade de xubilación nesta categoría, se ben se trata dunha cuestión que depende do desenvolvemento dunha normativa a nivel estatal.
A citada modificación da RPT tamén afectará aos axentes, dado que se dotarán as prazas da UDEX, a Unidade de Directores de Extinción especializada en grandes incendios forestais. Cómpre destacar que unha das novidades do Pladiga 2026 era, precisamente, o incremento destas prazas, pasando de 6 a 15, polo que se dá cumprimento así a este anuncio. A maiores, tamén se están negociando melloras nos complementos de nocturnidade, produtividade e niveles dos axentes.
Nunha reunión previa coas organizacións sindicais en marzo, desde a Consellería do Medio Rural, entre outras cuestións, transmitiuse o compromiso de apertura destas mesas de diálogo específicas para acordar melloras concretas, un proceso que comezou en abril e continúa.