Medio Rural potencia os produtos galegos con selo de calidade no Festival PortAmérica

O espazo Queixiviño e a zona gastro do festival ofrecen viños, queixos e pratos elaborados con produtos galegos premiados e con denominación de orixe, como mostra da aposta da Xunta pola calidade e a alimentación sostible.
Portamerica
4 Jul 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, visitou este mércores o espazo Queixiviño, dentro do Festival PortAmérica que se celebra no concello de Portas (Pontevedra). Neste espazo singular pódese degustar unha selección de viños e queixos galegos recoñecidos nas Catas de Galicia 2024, ao tempo que se promove a calidade diferenciada da produción galega.

Alemparte visitou tamén a zona gastro do festival, dedicada aos produtos galegos con selo de calidade, onde se ofrecen pratos elaborados con ingredientes como pataca galega, pementos de Herbón, lacón ou tenreira galega. Esta iniciativa busca achegar ao público unha alternativa saudable e sostible fronte ao fast food habitual nestes eventos, promovendo o consumo responsable e a dinamización do rural.

Como novidade, nesta edición habilitouse un espazo de experiencias gastronómicas con catas comentadas para arredor de 20 persoas. As sesións están dirixidas por Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres, e Salomé Beiroa, experta sumiller de queixos. O obxectivo é destacar a riqueza e variedade do sector agroalimentario galego, nun contexto de promoción nacional e internacional.

A participación do Medio Rural no PortAmérica reafirma o compromiso da Xunta co produto local, co desenvolvemento rural e coa posta en valor dunha alimentación de calidade como eixo estratéxico para Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.27397799491882