Medio Rural reitera a necesidade de permitir a aplicación de tratamentos fitosanitarios con dron

Os directores aseguraron que a Xunta seguirá a defender os intereses dos profesionais do agro e volverá a incidir na necesidade de que o Ministerio reclame ante a Unión Europea a adaptación da normativa
drons-edp-2
23 Jul 2026

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantiveron hoxe unha xuntanza con representantes de Unións Agrarias (UUAA), a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) e dos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas para abordar a necesidade de seguir reclamando ao Goberno central que permita a aplicación de tratamentos fitosanitarios específicos con dron no caso do verme defoliador do millo e as enfermidades fúnxicas que afectan á vide, especialmente naquelas zonas de difícil acceso ou condicionadas pola propia orografía, como é o caso da Ribeira Sacra.

Nesta xuntanza os directores informaron de que as autorizacións excepcionais para aplicación destes produtos de xeito aéreo solicitadas por parte da Consellería do Medio Rural ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación foron denegadas. Tamén se deu conta da normativa estatal que regula este tipo de procedementos e que, tal e como expuxeron os representantes do Goberno autonómico, está baseada na aplicación con aeronaves tripuladas e non con drons, que teñen unha incidencia ambiental menor e permiten subministrar os fitosanitarios con maior precisión.

Neste sentido, os directores aseguraron que a Xunta seguirá a defender os intereses dos profesionais do agro e volverá a incidir na necesidade de que o Ministerio reclame ante a Unión Europea a adaptación da normativa para permitir este tipo de aplicación en situacións normais, sen necesidade de ter declarada unha praga; ademais de poder contar con tratamentos específicos para o verme defoliador do millo e as doenzas da vide que poidan subministrarse de xeito aéreo.

Seguindo esta liña, lembraron que o uso destes aparellos reduce de xeito considerable os custes de produción, aumenta a eficiencia e, a diferencia dos mecánicos, ten un menor impacto sobre os cultivos.

0.27234888076782