Medio Rural salienta o récord histórico da IXP Mel de Galicia e reforzará a súa promoción

A IXP Mel de Galicia acadou en 2025 preto de 370.000 quilos certificados, o seu máximo histórico, cun valor superior aos 3,3 millóns de euros.
Mel
27 Feb 2026

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, participou en Santiago na presentación da nova imaxe de marca da IXP Mel de Galicia, onde salientou o récord histórico de produción de mel certificada acadado en 2025 e comprometeu un reforzo na súa promoción.

Segundo explicou, a IXP conseguiu o pasado ano unha produción certificada de preto de 370.000 quilos de mel —a máis alta da súa historia— cun valor superior aos 3,3 millóns de euros. A conselleira puxo en valor o papel do selo como garantía de orixe, calidade, identidade e territorio para os consumidores.

A responsable autonómica destacou que Galicia é unha das principais produtoras de mel de España grazas ao traballo do sector apícola, e reafirmou o apoio da Xunta á promoción dos produtos amparados por selos de calidade diferenciada.

Neste sentido, lembrou que o Plan Saborea Calidade Diferenciada conta este ano cun orzamento de 10 millóns de euros —dous máis que en 2025— para impulsar accións de promoción nos distintos mercados.

Tamén fixo referencia ás axudas á apicultura convocadas este ano, dotadas con 1,4 millóns de euros, destinadas a mellorar a competitividade do sector. Estas achegas permitirán financiar investimentos para combater ameazas como a vespa velutina ou enfermidades como a varroose, así como actuacións de análise, mellora produtiva e iniciativas de promoción e comercialización.

Nova imaxe da IXP

O acto serviu tamén para presentar a nova identidade visual da IXP, cun logotipo no que a abella se converte no símbolo central e integra unha “g” de Galicia na súa cabeza. Os trazos evocan o voo, o zunido e a pinga de mel en movemento, combinando naturalidade e identidade nunha imaxe adaptada aos novos tempos.

O obxectivo desta renovación é achegar o produto ao consumidor, facilitar a identificación da mel certificada e ampliar a súa presenza na distribución nacional.

0.35742092132568