Méndez acusa ao PP de “dicirlle non á xente e si aos de sempre” tras rexeitar 38 propostas no Debate do Estado da Autonomía

A viceportavoz socialista critica o “rodillo parlamentario” do PP e denuncia a falta de propostas reais para Galicia.
Lara Mendez
13 Apr 2026

A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, acusou ao PP de utilizar o Debate sobre o Estado da Autonomía (DEA) para “dicirlle non á xente e si aos de sempre”, despois de que os populares rexeitasen 38 das 40 propostas presentadas polos socialistas.

Segundo denunciou Méndez, o PP empregou a súa maioría absoluta para tombar a maior parte das resolucións sen incorporar ningunha emenda, convertendo o debate nun “monólogo con final cantado”.

A socialista asegurou que as propostas presentadas polo PSdeG estaban centradas en cuestións clave como o acceso á vivenda, a sanidade ou a igualdade. Entre elas, destacou a creación dun banco público de alugueiro con 10.000 vivendas, un plan para reducir as listas de espera sanitarias ou máis recursos para a Atención Primaria.

Tamén criticou o rexeitamento de medidas relacionadas co apoio ás mariscadoras, o compromiso coa candidatura de Vigo como sede do Mundial de fútbol 2030 ou a transparencia en proxectos industriais como o de Altri.

Méndez sinalou ademais que o 68% das resolucións presentadas polo propio PP estaban dirixidas ao Goberno central, o que, ao seu xuízo, evidencia a falta de iniciativa do Executivo galego. “Nun debate sobre o estado de Galicia, o partido que goberna dedicou o seu esforzo a pedirlle cousas a Madrid”, afirmou.

A viceportavoz socialista tamén cuestionou o discurso do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que acusou de centrarse en sinalar ás persoas traballadoras de baixa e ao persoal sanitario, en lugar de ofrecer solucións aos problemas da cidadanía.

Por último, Méndez concluíu que o Goberno galego chega ao debate “sen proxecto” e advertiu de que o Parlamento se converteu nun trámite no que a maioría absoluta impide un debate real.

0.40676784515381