Méndez pide a Rueda que “deixe o teatrillo en Bruxelas” e lidere desde Galicia a apertura de mercados co Mercosur

A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a abandonar o que cualificou como “teatrillo en Bruxelas” e asumir desde Galicia o liderado na apertura de mercados que supón o acordo entre a Unión Europea e Mercosur.
Méndez sinalou que a aplicación provisional do acordo abre un mercado de máis de 260 millóns de consumidores para os produtos galegos, cun marco regulado que inclúe cotas limitadas, cláusulas de salvagarda e esixencias sanitarias e fitosanitarias estritas.
A socialista advertiu de que Galicia non pode quedar á marxe “mentres outros avanzan” nin manter unha posición ambigua ante unha oportunidade económica desta dimensión. Ao seu xuízo, tanto BNG como PP coinciden nun discurso baseado no medo que non se sostén nos feitos.
Segundo explicou, o acordo non elimina controis nin estándares, e mantén os requisitos ambientais, laborais e de seguridade alimentaria da Unión Europea. Ademais, contempla mecanismos de seguimento e avaliación permanente e límites ás importacións de produtos sensibles.
Méndez puxo en valor tamén os vínculos históricos e culturais de Galicia cos países de Mercosur e criticou a “ambigüidade” do PP, asegurando que mentres o seu grupo europeo apoia o acordo en Bruxelas, en Galicia sementa dúbidas.
Desde o PSdeG trasladaron ao Goberno galego peticións concretas: seguimento transparente de prezos e volumes de importación, activación inmediata das cláusulas de salvagarda se hai risco para os produtores, reforzo da promoción do produto galego e apoio ás denominacións de orixe, así como medidas de acompañamento que garantan estabilidade e renda ás explotacións.
A viceportavoz advertiu de que o acordo só será unha oportunidade real para o rural galego se vai acompañado de control, rigor e defensa activa dos intereses do país, e lembrou que en Bruxelas tamén están sobre a mesa posibles recortes na PAC, unha cuestión que require —dixo— firmeza institucional.