Miguel González, alcalde de Baralla: “Ser alcalde non é un traballo, é unha forma de vida”

O rexedor entrou na Alcaldía de Baralla en xullo de 2019 despois do falecemento do seu pai, Manuel González Capón tras levar 32 anos á fronte do goberno municipal e o actual alcalde do Partido Popular continúa o seu legado, apos-tando por modernizar e mellorar un municipio
Miguel-González-alcalde-de-Baralla
26 Jul 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

Levo toda a vida vivindo a política, xa que o meu pai foi alcalde de Baralla durante 32 anos. Por iso, vivín tanto o bo como o malo deste mundo. É un traballo que engancha moitísimo, porque permite axudar á cidadanía, aos veciños, estar sempre con eles e atender os seus problemas; é algo moi bonito e moi gratificante. Pero tamén ten o seu lado duro e complicado. Aínda así, sempre foi un traballo que me gustou porque vin o meu pai loitar por este concello e polos seus veciños. Por iso, cando tiven a oportunidade de seguir ese camiño, fíxeno.

Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?

En 2019, o anterior alcalde volveu gañar as eleccións, pero pouco despois faleceu. Eu ía na lista e, por tanto, asumín o cargo de alcalde.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Ser alcalde non é un traballo, é unha forma de vida. Aquí non hai festivos nin fins de semana, estás cos teus veciños todos os días, cos seus problemas. Pola mañá, pola tarde e pola noite, en domingo ou en sábado. Os problemas xorden cando xorden e hai que estar sempre dispoñible.

E beneficios?

Como dixen anteriormente, ten cousas moi bonitas, como axudar aos veciños.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Sacrifícase moitísimo a vida privada. Creo que, como na vida en xeral, hai momentos nos que hai que decidir e valorar que é o que compensa e o que non. E neste caso é unha oportunidade única de facer algo que, doutra maneira, non tería vivido. Permíteche abrir moito a mente, ver cousas que doutro xeito non verías e coñecer xente que probablemente non coñecerías se non tiveses esta responsabilidade. A verdade é que che permite coñecer moita xente interesante e ampliar moito a túa visión. Para min, é unha oportunidade única. Non sei o que pasará no futuro, pero non creo que teña na vida unha experiencia tan enriquecedora como esta.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Aparte da Alcaldía, non teño ningún outro obxectivo político. Preocúpame Baralla e os meus veciños; así como acabar os proxectos que transforman o concello. Que, ás veces, son difíciles de explicar, porque levan anos e non se ven no inmediato.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?

Para eses aspectos non son nada atrevido. Cando se decata a veciñanza é cando xa está feito. Porque ás veces hai cousas e factores que non dependen dun mesmo. E ás veces digo: “vou facer isto”, e igual mañá pasa algo e non o fago. Por iso nunca o digo ata que a obra non está en marcha.

Cales son as principais liñas do seu programa?

Non quero avanzar nada, pero o traballo que estamos facendo agora non loce. Estamos facendo cousas que pronto terán sentido en conxunto e demostraremos os resultados do noso traballo. As obras que transforman de verdade un lugar levan tempo. Hai cousas que paga a pena facer aínda que ao curto prazo non se valoren porque non se ven.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Sempre queremos ir a mellor e sempre hai cousas que mellorar Pero unha necesidade concreta que temos é o desenvolvemento do polígono industrial, xa que hai 20 anos, en 2006, cando o PP estaba á fronte da Deputación de Lugo, comprou os terreos, pero no 2007 entrou no goberno provincial PSOE e BNG e teñen bloqueada a posibilidade de poñelo en marcha. Esta comarca é unha das máis despoboadas da provincia de Lugo e dispersas xeograficamente e o polígono de Baralla podería ser un polígono comarcal para que a xente puidese vivir nos concellos do redor, en Baralla, Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita, e atraer xente e asentala aquí.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

Un dos proxectos dos que máis orgulloso me sinto é de conseguir o Programa DUS 5000 de axudas para investimentos en proxectos singulares locais de enerxía limpa en concellos de reto demográfico, que se enmarca no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. Estes fondos son moi difíciles de conseguir e supoñen unha oportunidade única. Estamos nunha zona complicada e non se pode deixar pasar esta ocasión. Por iso, estou intentando sacar o máximo rendemento destes fondos europeos. Porén, as obras non é o que máis me fai sentir orgulloso, senón estar ao lado dos meus veciños, solucionando os seus problemas no día a día, iso é o importante. Ademais, tamén é importante o aspecto cultural. As actividades tamén moi importantes nos pobos para que a xente estea en contacto, para que se vexan, para que a xente maior non estea na casa e se dinamice un pouco a vida social.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Espero que vexan o traballo que se fai cada día por eles. Entendo que, nalgunhas ocasións, non comprendan a decisión que estou tomando, porque quizais se trate dunha decisión complicada e eu estea vendo máis o conxunto. Pero ás veces sacrifico o persoal polo interese xeral. Así que espero que garden un bo recordo de min, porque non sei que pasará no futuro; o tempo dirao.

Como é a súa relación coa oposición?

Nós sempre somos moi educados e moi respectuosos con eles, xa que cada vez que vexo a miña posición, vexo tamén a todos os veciños que os votaron.

 

MÁIS DE PRETO

-Idade, estado civil e familiar

40 anos, solteiro e sen fillos

-Profesión e formación

Estudei ADE e teño un pequeno negocio

-E se non o fose, que lle gustaría ser?

Un traballo social que me permitise estar coa xente

-Que quería ser de maior

Non tiña unha vocación clara

-Que fai para desconectar?

Desconecto cos amigos

-Unha virtude e un defecto

Son moi paciente, e no persoal son pouco metódico

-Un consello para compartir

Fai o ben e non mires a quen

-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante

‘La reina del sur’, ‘El curioso caso de Benjamin Button’, e non son moito de música

-Unha afección

Xogar ao fútbol cos amigos

-Un lugar que visitar

Calquera recuncho tranquilo

-Unha comida e unha bebida

Un bo viño e unha boa carne

-Unha personaxe admirada (viva ou morta)

O meu avó

-Unha posesión preciada

Nada, a saúde

-Un desexo

Ser feliz

-Algo para esquecer

As enfermidades familiares

-Que é o que máis valora nunha persoa?

A lealdade

-Un desafío pendente

Facelo o mellor que poida e saiba, profesional e persoalmente

-Onde se ve en cinco anos?

Non o penso, pero en Baralla

0.38623404502869