Mikel Izal súmase ao Galicia Fest 2025, que se celebrará en Vigo con apoio da Deputación

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou a incorporación de Mikel Izal ao Galicia Fest 2025, que se celebrará os días 29 e 30 de agosto en Vigo. O artista indie-pop encabezará a primeira xornada dun festival que conta co apoio do organismo provincial e que terá lugar no Peirao de Transatlánticos.
Na súa intervención, Sánchez salientou a excelente acollida do evento, cun ritmo alto de venda de entradas e moi boas opinións por parte do público. “Coa incorporación de Mikel Izal, unha das grandes referencias do indie-pop nacional, estou convencida de que voarán os abonos e as entradas que quedan”, afirmou.
Mikel Izal ofrecerá en Vigo a súa primeira actuación na cidade, onde presentará o seu disco en solitario El miedo y el paraíso, premiado pola Academia da Música como mellor canción pop. Compartirá cartel o 29 de agosto con Dorian, La Habitación Roja, Samuraï, Sexy Zebras, Éxtasis e outro artista aínda por confirmar.
A segunda xornada do festival, o 30 de agosto, contará con actuacións de Beret, Leire Martínez, Fredi Leis, Hey Kid, Maldita Nerea, Marlon, Noan e Paula Koops. A vicepresidenta animou á cidadanía a participar desta nova proposta musical “cun cartel de primeiro nivel e nunha situación inmellorable”.
O Galicia Fest forma parte da marca Rías Baixas Fest da Deputación, que tamén apoia outros eventos como o Undersfest Xacobeo (14 e 15 de novembro en Vigo), Portamérica, Atlantic Fest, Sinsal, SonRías e Revenidas.